A renovación das pistas deportivas exteriores do Chanto en Sarria sae a licitación

O proxecto de renovación das pistas deportivas exteriores do Chanto, en Sarria, continúa avanzando coa licitación das obras, que permitirán modernizar estas instalacións deportivas e mellorar a súa contorna. A actuación contará cun orzamento de 292.000 euros, dos que 273.000 proceden da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O Concello de Sarria confirmou a licitación do contrato, coa previsión de que os traballos estean rematados durante o mes de novembro. A tramitación foi posible despois de que a institución provincial incrementase en 40.000 euros a súa achega inicial para facer fronte á actualización dos prezos recollida no proxecto técnico.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou o compromiso da institución con esta actuación, que permitirá mellorar de maneira integral un espazo público de referencia para a práctica deportiva e as actividades de lecer na vila.
A intervención centrarase na renovación do pavimento das pistas de fútbol, tenis e pádel, así como na mellora dos peches e do mobiliario urbano da contorna. Na pista de fútbol substituirase a superficie actual mediante o fresado do pavimento existente e a extensión dunha nova capa. Ademais, instalaranse novos peches de rede nos fondos da pista e habilitaranse portas peonís e accesos para a maquinaria de mantemento.
Nas dúas pistas de tenis repararanse as zonas deterioradas e aplicarase unha imprimación para favorecer a adherencia e durabilidade da pintura, que tamén será renovada. O proxecto inclúe igualmente a instalación de novas redes.
No caso da pista de pádel, realizaranse traballos de limpeza e corrección das imperfeccións do pavimento, ademais do lavado e pintado das paredes para mellorar o estado xeral da instalación.