A residencia Nosa Señora do Carme de Sarria recibirá 145.000 euros da Xunta para o seu funcionamento

A residencia de maiores Nosa Señora do Carme de Sarria contará cunha achega de 145.000 euros da Xunta de Galicia para contribuír ao seu mantemento e funcionamento. A colaboración formalizouse mediante un convenio asinado entre a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido.
O acordo permitirá ao Goberno galego colaborar co Concello no financiamento parcial dos gastos de persoal do centro residencial, que dispón de 91 prazas para a atención de persoas maiores.
No acto de sinatura tamén participaron o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, así como os concelleiros Carmen José López e Félix Seijas.
Durante o encontro, Fabiola García destacou a importancia da colaboración entre administracións para garantir unha atención adecuada ás persoas maiores, tanto a través dos servizos que permiten permanecer nos seus fogares como mediante os recursos de atención diúrna e residencial.
Esta actuación enmárcase no Acordo para o Desenvolvemento Estratéxico de Sarria (ADES), un documento que establece o marco de diálogo e cooperación entre a Xunta de Galicia e o Concello de Sarria ata maio de 2027. O acordo recolle distintas iniciativas orientadas a reforzar servizos e impulsar actuacións de interese para o municipio.