A Ribela afronta unha renovación integral con máis de 516.000 euros de investimento

O campo de fútbol municipal da Ribela, en Sarria, iniciou oxe unhas obras de mellora e modernización que contan cun investimento total de 516.200 euros e que buscan renovar por completo o principal recinto deportivo do municipio.
A actuación desenvólvese a través dun convenio de colaboración entre a administración autonómica e o Concello de Sarria, que achega 221.200 euros ao proxecto. O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou esta mañá as instalacións con motivo do inicio dos traballos, acompañado pola directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López.
O proxecto contempla a substitución integral do céspede sintético, que xa superou a súa vida útil e presenta un importante desgaste polo uso continuado. Ademais, inclúe a mellora do entorno do estadio para incrementar a súa accesibilidade, seguridade e funcionalidade.
Tamén se acometerá a renovación de diferentes espazos comúns, como vestiarios e bancadas, así como outras zonas de uso habitual dentro do recinto deportivo. Un dos puntos destacados da actuación será a instalación dun novo sistema de iluminación máis eficiente, que permitirá reducir o consumo enerxético e facilitar o uso do campo en horario nocturno.
A Ribela é o principal espazo deportivo de Sarria e o terreo de xogo da SD Sarriana, ademais de acoller competicións oficiais, torneos de base e actividades escolares. Máis de 200 nenos e nenas das categorías inferiores adestran habitualmente nestas instalacións, converténdoas nun punto clave para a práctica deportiva na localidade.
As autoridades presentes destacaron que esta intervención supón un paso importante na mellora das infraestruturas deportivas da zona e na promoción dun deporte base máis seguro e moderno.