A Rúa Castelao de Sarria pechará ao tráfico desde este venres con motivo das Festas de San Xoán

SarriaXa
Os residentes poderán seguir accedendo aos seus garaxes, sempre baixo a sinalización e as indicacións da Policía Local
rúa-Castelao-Sarria
19 Jun 2026

A Rúa Castelao de Sarria permanecerá pechada ao tráfico a partir deste venres, 19 de xuño, desde as 15:30 horas, debido á celebración das Festas de San Xoán. A medida estará en vigor para facilitar o desenvolvemento das actividades previstas e garantir a seguridade durante os festexos.

Desde o Concello informaron de que os veciños da zona poderán continuar accedendo aos seus garaxes, aínda que deberán facelo respectando en todo momento a sinalización habilitada e seguindo as indicacións dos axentes encargados de regular a circulación.

O concelleiro de Seguridade, Félix Seijas, explicou que estes cambios son necesarios para asegurar o correcto desenvolvemento das celebracións. “Sabemos que estes cambios poden causar algunha pequena molestia, pero son necesarios para que todos poidamos gozar dun San Xoán seguro. Pedimos a colaboración da veciñanza e que se respecte a sinalización instalada pola Policía Local. Entre todos faremos que estas festas sexan un éxito”, sinalou.

Desde a administración local tamén agradeceron a comprensión e a colaboración da cidadanía ante estas modificacións temporais no tráfico.

0.11659598350525