A ruta do río Loio en Paradela recuperará as súas pasarelas antes de final de ano

A ruta do río Loio (PR-G 14), no municipio de Paradela, contará con tres novas pasarelas peonís grazas a unha actuación impulsada pola Xunta de Galicia, que investirá 120.172 euros na recuperación deste itinerario natural. Os traballos centraranse nas estruturas de Pías, Portocaneiro e Sucastro e está previsto que poidan comezar no mes de xullo para quedar rematados antes de finais de ano, permitindo así a reapertura da ruta.
As novas pasarelas estarán deseñadas con módulos de vigas de celosía de aceiro, unha solución que facilitará o transporte e a montaxe en zonas de difícil acceso. Ademais, non terán piares intermedios para evitar a acumulación de materiais arrastrados polo río e reducir o risco de que as estruturas poidan volver resultar danadas durante episodios de crecida.
As infraestruturas terán entre 20 e 25 metros de lonxitude e, aínda que serán de aceiro, estarán pintadas en tons acordes coa contorna natural. Os pavimentos e os pasamáns executaranse en madeira para favorecer unha integración paisaxística máis harmoniosa.
A actuación incluirá tamén a substitución dos estribos de pedra actuais, que presentan danos, por outros de formigón que reforcen a estabilidade das pasarelas.
Durante a visita técnica á ruta, a conselleira destacou que as novas estruturas serán “máis resistentes e duradeiras” e estarán “integradas plenamente na paisaxe”. Pola súa parte, a alcaldesa sinalou que o Concello traballa ademais na creación dunha senda cun carácter máis temático e non unicamente medioambiental.
Os traballos forman parte do programa de mellora do uso público e conservación do patrimonio na rede de espazos protexidos desenvolvido pola Xunta con financiamento de fondos europeos.