A SD Paradela presenta o seu novo corpo técnico para a tempada 2026/27

A S.D. Paradela anunciou a composición do seu novo corpo técnico para a tempada 2026/27, unha etapa que estará encabezada por dúas figuras estreitamente ligadas ao club e ao municipio. A entidade deportiva aposta por un proxecto liderado por persoas da casa, coa intención de reforzar a identidade e os valores da entidade.
Á fronte do equipo como primeiro adestrador situarase Senén López García, veciño de Paradela e unha persoa moi vinculada á historia recente do club. O técnico xa formou parte da S.D. Paradela anteriormente tanto como xogador como desde o banco, polo que este regreso supón unha nova etapa nunha entidade coa que mantén unha forte relación.
Senén López regresa ao club tras a súa etapa na S.D. Rubián, onde acadou dous ascensos, resultados que avalan a súa traxectoria deportiva e a súa capacidade para liderar proxectos e grupos de traballo.
Xunto a el estará Martín López Vázquez como segundo adestrador. Tamén veciño do municipio, conta cunha ampla experiencia no fútbol galego. Formado nas categorías inferiores do Lugo e do Deportivo, actualmente forma parte do Racing Villalbés e ao longo da súa carreira deportiva pasou por equipos como o Polvorín FC, a UD Ourense, o Viveiro CF, a SD Sarriana e o CD Lalín, entre outros conxuntos.
Desde a entidade destacaron que ambos coñecen de primeira man o significado e a responsabilidade que implica representar o escudo da S.D. Paradela. O club inicia así unha nova etapa na que o traballo, a humildade, o compromiso e o sentimento de pertenza serán os piares dun proxecto que busca seguir fortalecendo o vínculo entre o equipo e a súa afección.