Mañá sábado celébrase na sala Buril un concerto de Soul of Anubis
Na sala Buril situada na Travesía Mueblenorte da vila de Sarria, celebrarase mañá sábado un concerto da banda de metal portugués Soul of Anubis que pechan a súa xira por España e Francia. Soul of Anubis estará acompañado polos leoneses Black Bomber Band, un grupo de rock&roll que presenta o seu traballo Blacklisted, e polo lucense Captain Trasho.
O bolo dará comezo ás 22.00 horas e a entrada será de seis euros en apoio ós grupos participantes.
Soul of Anubis
Este dúo composto por Rui Silva á batería e Hugo Ferrão á guitarra e voz, pecha agora durante este mes de decembro o ciclo promocional do seu segundo disco de longa duración.
Soul of Anubis é unha banda que editou no ano 2019 The Last Journey, traballo que sucedeu a Alone e The Monster Among Us -álbumes de 2015 e 2016 respectivamente-.
Esta banda de metal con grandes influencias do sludge e o doom, ten un son ideal para os afeccionados de High on Fire, The Black Cobra ou Horn of the Rhino.
Banda de Música de Sarria
Por outro lado, a Banda de Música de Sarria dará tamén o seu tradicional concerto de Santa Cecilia na tarde do sábado ás 20.00 horas, na Igrexa Nosa Señora do Rosario, para todos aqueles interesados en asistir.