A sarriá Lúa López Tallón participou nunha concentración da Federación Española de Baloncesto

A xogadora sarriá Lúa López Tallón acaba de regresar da concentración da selección española feminina U17 de baloncesto 3x3, celebrada en Madrid entre os días 16 e 19 de xullo e organizada pola Federación Española de Baloncesto como parte do programa de formación e seguimento das xogadoras nacionais.
Formada nas categorías de base do CB Sarria e actualmente integrante do Ensino Lugo, Lúa foi unha das deportistas convocadas tras completar unha destacada tempada. A xogadora proclamouse campioa galega co seu equipo cadete de baloncesto 5x5, logrou a cuarta posición no Campionato de España de 3x3 e acadou o terceiro posto tanto no Campionato Galego júnior de 5x5 como no Campionato Galego U17 de 3x3.
Ademais, o pasado mes de xaneiro representou á selección galega no Campionato de España de seleccións autonómicas disputado en Zaragoza, un rendemento que lle abriu as portas desta convocatoria coa selección española.
Un dos aspectos máis destacados desta chamada é que Lúa pertence á categoría U16, polo que participou na concentración cun grupo de xogadoras dun ano maior ca ela, o que supón un importante recoñecemento á súa progresión e ao seu nivel competitivo.
A xogadora regresa desta experiencia satisfeita polo aprendido e coa motivación de seguir medrando deportivamente. Desde o seu entorno tamén quixeron destacar que este recoñecemento é froito do traballo colectivo realizado xunto ás súas compañeiras de equipo e aos seus adestradores ao longo das últimas tempadas.