A Sarriana e Alberto Mariano separan os seus camiños de mutuo acordo tras a derrota ante o Antela

A SD Sarriana e Alberto Mariano separaron os seus camiños de mutuo acordo tras a última derrota ante o Antela e as malas sensacións acumuladas pola traxectoria do equipo. O técnico chegara ao club en xuño de 2026 como novo adestrador do primeiro equipo, nun movemento co que a entidade iniciaba a planificación do seu proxecto deportivo para a tempada en Terceira RFEF, co obxectivo de conseguir o ascenso a Segunda Federación.
O club confirmou a saída do preparador e agradeceulle o traballo realizado durante a súa estancia en Sarria, ademais de desexarlle o mellor para o futuro. O presidente da entidade, Manuel Sangil, explicou que a decisión chegou despois de varias reunións nas que a directiva trasladou ao adestrador a súa preocupación pola evolución do equipo. Segundo sinalou, os resultados e o rendemento non estaban á altura das expectativas, tendo en conta o importante investimento realizado para intentar ascender.
"Temos unha gran inversión no equipo para intentar ascender a Segunda e non viamos que estivese mellorando", explicou Sangil, que apuntou que, tras varios encontros, ambas as partes coincidiron na necesidade dun cambio para tratar de alcanzar o obxectivo. O presidente agradeceu a Alberto Mariano a súa disposición para pechar esta etapa e destacou que foi "moi elegante co club". Tamén asegurou que foi un pracer traballar con el e definiuno como unha gran persoa e adestrador, aínda que considerou que non conseguiu dar coa tecla no equipo.
Con todo, o primeiro equipo da SD Sarriana xa ten substituto: Jaime Paz, que se incorpora ao proxecto co obxectivo de reconducir a situación e pelexar polo ascenso. Sangil cualificouno como "o mellor adestrador da categoría" e lembrou a súa traxectoria, na que chegou a acompañar a Quique Setién na súa etapa en China. O presidente confía en que este cambio permita ao equipo recuperar o camiño cara ao ascenso.