A SD Oural sela a permanencia en Primeira Futgal tras unha tempada moi esixente

O equipo sénior da SD Oural confirmou a súa permanencia unha tempada máis na Primeira Futgal, unha categoría que o seu adestrador, Jorge González Lemos, xa describira ao inicio do curso como “complexa e competitiva”, cunha elevada esixencia pola presenza de equipos recén ascendidos, conxuntos descendidos de Preferente e clubs con estruturas deportivas moi consolidadas.
Ao comezo da tempada, o obxectivo marcado polo equipo de Sarria era a permanencia, unha meta que finalmente se cumpriu tras un ano de esforzo e compromiso por parte dos xogadores e do corpo técnico. O propio adestrador recoñeceu que se trata dunha das salvacións máis difíciles dos últimos anos pola elevada puntuación necesaria para asegurar a continuidade na categoría.
González Lemos destacou tamén o traballo do grupo humano que se formou no vestiario, sinalando que o equipo estivo marcado pola unión, a amizade e o esforzo colectivo. Subliñou que os xogadores “traballaron moitísimo, implicáronse ao máximo e amosaron un compromiso enorme co club”, o que permitiu acadar o obxectivo nunha tempada especialmente esixente.
Desde o club, a valoración é moi positiva, destacando non só o resultado deportivo, senón tamén a consolidación dun grupo unido que foi clave para superar os momentos máis complicados da competición.