A SD Paradela, máis de catro décadas mantendo vivo o fútbol no municipio

Jessica Fernández
Manter vivo un club de fútbol nun concello rural non é só unha cuestión deportiva. É tamén un exercicio de compromiso, identidade e amor pola terra. Iso é precisamente o que representa a Sociedade Deportiva Paradela, unha entidade que desde hai máis de corenta anos forma parte da vida social e deportiva do municipio e que continúa escribindo a súa historia apoiándose na implicación da veciñanza e na paixón polo fútbol. A SD Paradela naceu no ano 1981 impulsada polo exalcalde José Manuel Mato e por un grupo de veciños que compartían un obxectivo común: crear un equipo que permitise fomentar o deporte no concello e ofrecer unha alternativa de lecer á mocidade. Aquel proxecto foi medrando co paso dos anos ata converterse nun dos símbolos deportivos do municipio.
Un dos fitos máis destacados da súa traxectoria chegou na tempada 1999-2000, cando o conxunto competiu no Grupo 2 da Primeira Rexional de Lugo, unha categoría que continúa sendo lembrada con orgullo por todos aqueles que viviron aquela etapa. Na actualidade, a entidade milita na Segunda Galicia, no Grupo Sur de Lugo, medíndose cada fin de semana con equipos da provincia e disputando os seus encontros como local no campo municipal de O Candal.
Á fronte do club atópase Adrián Fernández Juiz, presidente desde o ano 2024. A súa chegada produciuse tras a marcha de Roberto López, nun momento especialmente delicado para a entidade. A posibilidade de que o club desaparecese foi o que o levou a asumir unha responsabilidade que nunca buscou, pero que aceptou por un profundo sentimento de pertenza. "Fun un afeccionado desde sempre. Estiven sempre vinculado ao club desde o lado da afección", explica Adrián Fernández, quen recoñece que a súa relación coa SD Paradela vén de moito antes de ocupar a presidencia.
Precisamente por esa experiencia como seguidor, considera que a masa social é o verdadeiro motor da entidade. "É importante e fundamental. Sen ela non tería sentido nada disto", asegura. Con ese convencemento, o club organiza cada ano o Día do Socio, unha xornada de convivencia que se celebra no mercado gandeiro de Paradela e na que non faltan sorteos, agasallos e música.
O reto de competir desde o rural
Como ocorre en moitos concellos do interior de Galicia, o despoboamento converteuse nun dos principais desafíos para a supervivencia do fútbol afeccionado. A falta de poboación nova dificulta cada ano a confección dos persoais e obriga aos clubs a buscar solucións que lles permitan seguir competindo.
"Cada vez é máis difícil xuntar xogadores, pero imos tendo sorte porque entre xogadores de Sarria, de Paradela e de Lugo imos formando un grupo bastante amplo", explica o presidente.
A realidade demográfica tamén impide que a entidade poida contar cunha canteira propia. "Hai moi poucos nenos e de idades moi diferentes, polo que non sairía un equipo de cada categoría. É moi difícil ter base", lamenta.
A pesar destas dificultades, a directiva mantén unha filosofía moi clara: priorizar sempre o arraigo e a vinculación co territorio.
"Para nós o importante é tirar da xente do pobo, que desfruten do fútbol no seu concello", resume Adrián Fernández, convencido de que esa identidade é un dos sinais que diferencian á SD Paradela.
A nova tempada
A maior parte dos xogadores da SD Paradela compaxinan o fútbol cos seus traballos e responsabilidades persoais, polo que o club mantén unha planificación adaptada á realidade do fútbol afeccionado. Por iso, os adestramentos continuarán sendo os martes e os venres ás 21.00 horas no campo municipal de Paradela, un horario pensado para facilitar a asistencia tanto dos futbolistas como do corpo técnico.
Sobre os obxectivos da nova campaña, Adrián Fernández mantén a prudencia. "Todas as tempadas son difíciles. Imaxino que esta será tan complicada como a anterior", afirma. Un discurso realista que encaixa coa filosofía dunha entidade que leva máis de catro décadas demostrando que, máis aló dos resultados, o seu maior éxito consiste en manter vivo un club que representa a todo un concello.
Nun momento no que moitas pequenas entidades deportivas desaparecen pola falta de recursos ou de relevo xeracional, a SD Paradela continúa resistindo grazas ao esforzo de directivos, xogadores, colaboradores e afeccionados. Un club que entende o fútbol como un punto de encontro para a veciñanza e como unha ferramenta para fortalecer o sentimento de pertenza ao municipio.