A SD Sarriana organiza unhas xornadas de portas abertas para novos futbolistas

SarriaXa
O club desenvolverá adestramentos gratuítos durante o mes de maio no Campo Municipal da Ribela para nenos e nenas de diferentes categorías
A-Ribela-Sarriana-2
15 May 2026

A SD Sarriana celebrará durante o mes de maio unhas xornadas de portas abertas dirixidas a nenos e nenas interesados en iniciarse ou continuar formándose no fútbol base. As sesións levaranse a cabo no Campo Municipal da Ribela, en Sarria, e estarán destinadas a rapaces nacidos entre os anos 2014 e 2021.

Desde o club destacan que esta iniciativa busca achegar o fútbol aos máis pequenos nun ambiente centrado non só na aprendizaxe deportiva, senón tamén na transmisión de valores como o respecto, a disciplina, a solidariedade, o traballo en equipo, a humildade, a superación, a perseveranza, o compromiso e o esforzo.

As xornadas para os nenos e nenas nacidos nos anos 2020 e 2021 desenvolveranse os días 19 e 21 de maio ás 17.00 horas. Para os participantes nacidos en 2018 e 2019, os adestramentos tamén terán lugar os días 19 e 21 de maio ás 17.00 horas.

No caso dos rapaces e rapazas nacidos en 2016 e 2017, as sesións celebraranse os días 18 e 20 de maio ás 17.00 horas, mentres que os xogadores nacidos nos anos 2014 e 2015 participarán nas actividades os días 19 e 21 de maio ás 18.15 horas.

A entidade anima ás familias da comarca a participar nestas xornadas co obxectivo de coñecer de preto o funcionamento da escola deportiva e fomentar hábitos saudables a través do deporte.

OBRAS NO CAMPO DE FÚTBOL

As obras de remodelación do campo municipal de fútbol da A Ribela comezarán o luns 8 de xuño, unha vez rematado o torneo Pedro Canoa, unha cita deportiva que cada ano reúne a numerosos xogadores e afeccionados.

A zona destinada ás categorías inferiores estará rematada a mediados de agosto, permitindo que os equipos base da Sarriana poidan disputar alí os seus encontros a partir do día 15 dese mes, evitando así desprazamentos a outros campos.

Pola súa banda, o equipo sénior realizará a pretempada en Lugo. Desde o club xa mantiveran reunións co exalcalde Miguel Fernández para abordar esta situación e, recentemente, tamén coa actual rexedora, Elena Candia. Segundo explicou o presidente da Sarriana, a resposta foi positiva en ambos casos e unicamente queda por concretar en que instalación deportiva da cidade lucense adestrará o primeiro equipo.

Os traballos previstos inclúen a renovación integral do céspede sintético seguindo os últimos estándares de calidade e seguridade. Ademais, ampliarase o terreo de xogo en 1.460 metros cadrados, igualando as dimensións ás dun estadio de Primeira División.

O proxecto contempla tamén a substitución da iluminación do estadio, a modernización do sistema de rega e a renovación do equipamento de porterías e bancos. As actuacións completaranse co acondicionamento da drenaxe, o peche perimetral e os accesos ao recinto deportivo.

A empresa Calfensa contará con 707.188 euros, dos que a Xunta de Galicia achegará 500.000 euros, mentres que o resto será financiado polas arcas municipais; cos que actuará igualmente no campo anexo de herba natural, onde levará a cabo labores de rexeneración e optimización da rega.

A mellora integral da Ribela quedará rematada en setembro, o que permitirá á Sarriana iniciar con normalidade a nova tempada en Terceira Federación tras o descenso sufrido este curso desde Segunda RFEF.

0.11891198158264