A SD Sarriana reforza o seu proxecto con cinco fichaxes e varias renovacións para a tempada 2026-2027

SarriaXa
O club incorpora a Adri Rodríguez, Karl Emmanuel, Osián, Álex Cabarcos e Jairo Luaces, confirma a continuidade de Iago Parga e César Pirot e mantén o equipo de coordinación da base
campo-A-Ribela-SD-Sarriana-(3)
11 Jul 2026

A SD Sarriana continúa dando forma ao cadro de persoal co que competirá na tempada 2026-2027 en Terceira RFEF. O club anunciou nos últimos días un importante movemento no mercado estival coa incorporación de cinco novos futbolistas e a renovación de dúas pezas importantes, ademais de confirmar a continuidade da estrutura técnica do fútbol base.

Entre as fichaxes destaca a chegada de Adri Rodríguez, dianteiro que recala na Ribela despois de proclamarse máximo goleador da categoría coa camisola do Céltiga, equipo co que anotou 18 tantos a pasada campaña. Ao longo da súa carreira tamén militou no Celta B, Rápido de Bouzas, Choco e UD Ourense, consolidándose como un dos atacantes máis destacados do fútbol galego.

Outra das incorporacións é a do defensa central Karl Emmanuel, que chega tras mostrar unha notable progresión en Preferente. O futbolista destacou polo seu potencial físico e velocidade nas filas do Atlético Escairón e do Club Lemos, e afrontará agora a súa primeira experiencia na Terceira RFEF.

No ataque tamén se suma Osián, futbolista de 23 anos que formou parte da histórica traxectoria da UD Ourense, contribuíndo ao ascenso do conxunto ourensán desde Preferente ata Primeira RFEF. A Sarriana destaca a súa capacidade ofensiva, chegada á área e a marxe de crecemento que aínda presenta.

A banda da Ribela contará tamén coa experiencia de Álex Cabarcos, lateral con ampla traxectoria en equipos como As Pontes, UD Ourense e Somozas, considerado un dos xogadores de referencia na súa posición dentro do fútbol galego.

Baixo os paus incorpórase Jairo Luaces, porteiro que dará xuventude e altura á portería da Sarriana. Será a súa primeira campaña como futbolista sénior tras completar toda a súa formación nas categorías inferiores do CD Lugo.

En canto ás renovacións, a entidade confirmou a continuidade de Iago Parga, que seguirá sendo unha das referencias da defensa tras o gran rendemento ofrecido durante a pasada tempada. O club destaca del a súa experiencia, capacidade de liderado e compromiso coa camisola sarriana.

Tamén continuará César Pirot. O gardameta catalán afrontará a súa terceira tempada na entidade despois de converterse nun dos xogadores máis importantes do equipo. Desde a súa chegada, as súas intervencións resultaron decisivas en numerosos encontros e permitiron á Sarriana manter viva a ilusión da afección, que lle amosa un crecente recoñecemento.

No apartado técnico, a SD Sarriana tamén apostou pola continuidade do seu proxecto de formación. Josiño seguirá unha campaña máis como coordinador do fútbol base, acompañado por Raúl, responsable do Fútbol 11, e Álex Varela, que continuará dirixindo o Fútbol 8.

0.10964012145996