A Sede acolle este sábado a exposición 'Palestine. Here and There' dentro da Trienal Sarria Triennial

A Asociación Cultural Huhú de Sarria inaugurará este sábado 25 de xullo, ás 19.30 horas, en A Sede, a exposición Palestine. Here and There, que constitúe o quinto bloque expositivo de TST1 — Trienal Sarria Triennial.
A mostra nace dunha invitación da comisaria Paula Parente Pinto á artista palestina Ahlam Shibli, quen decidiu ampliar o proxecto incorporando tamén aos artistas Aref Massalha, Fatma Hassona, Mohamed Harb, Monther Jawabreh e Rehaf Al Batniji.
A través da fotografía, o vídeo, o cinema documental e o arquivo, a exposición ofrece unha aproximación ás consecuencias da ocupación de Palestina, abordando cuestións como a perda do fogar, o desprazamento forzoso, a destrución e as distintas formas de resistencia fronte ao intento de borrado da identidade e da memoria.
Entre as obras expostas figuran as fotografías de Fatma Hassona, falecida en Gaza en 2025, nas que documentou a vida cotiá da poboación baixo os bombardeos e a destrución da Franxa de Gaza.
A exposición está comisariada por Paula Parente Pinto e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Concello de Sarria e a Fundação Calouste Gulbenkian.