A segunda sesión de LugoPoética 2026 contará con Alicia Fernández Díaz e Elena Pérez López

LugoXa | SarriaXa
O encontro permitirá coñecer a obra das creadoras, compartir reflexiós sobre o proceso creativo e preparar unha publicación da terceira edición
Cartel-Lugopoética
18 Mar 2026

A UNED en Lugo acolle a segunda das seis sesións de LugoPoética 2026 ás 18:30 horas, que celebra este ano a súa terceira edición. Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, lerán e comentarán os seus poemas as creadoras Alicia Fernández Díaz e Elena Pérez López.

O encontro poético entre ambas creadoras, dunha hora e media de duración, permitirá coñecer anacos importantes da súa obra, intercambiar comentarios mutuos sobre o seu labor poético e compartir reflexións sobre a poesía, o proceso creativo e o panorama poético galego. Estes contidos serán a base, xunto cos das próximas sesións, dunha publicación que recolla esta terceira experiencia de expresión poética interxeneracional.

Alicia Fernández Díaz (Lugo, 1988) é avogada e funcionaria, e a poesía leva presente na súa vida dende os seis anos, cando comezou a participar en diversos certames poéticos e narrativos acadando numerosos premios a nivel estatal, principalmente no xénero lírico. Namorada da natureza e do medio ambiente, e cunha profunda conexión co espiritual, a súa obra está marcada por metáforas literarias que achegan á realidade natural unha visión mística sobre os sentimentos, a vida e o transcorrer dos anos. Asidua de eventos de micro aberto e recitais de poesía, non imaxina a súa vida sen tinta e papel.

Elena Pérez López (Sarria) foi unha nena loura de pelo sempre despeiteado, que medrou entre Sarria e Barbadelo. Estudou nesta vila ata que decidiu ir a Lugo para formarse como mestra. A súa vida é máis luminosa dende que comparte escolas e aulas coas crianzas. Considérase moi afortunada de poder dedicarse á profesión máis fermosa que existe. Entre lección e lección, cóanse algúns versos que lle gusta ir coleccionando. Sen pretensións, intenta admirar o extraordinario do cotián, espremer as cousas máis sinxelas e sintetizar esencias en palabras. É unha mestra, que, coma todas, é un pouco de todo.

0.11606407165527