A subdelegada do Goberno visitou Sarria para impulsar o programa 'A Administración Cerca de Ti'

SarriaXa
A iniciativa busca achegar os servizos públicos dixitais á veciñanza dos municipios rurais e fomentar a capacitación electrónica
Administración-cerca-de-ti-Sarria
5 Feb 2026

A Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar de Sarria acolleu unha sesión formativa do programa estatal 'A Administración Cerca de Ti', na que participou a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López. Esta iniciativa do Ministerio de Política Territorial, en colaboración coa FEMP, retomouse en todo o territorio nacional co obxectivo de achegar a Administración á cidadanía, especialmente nos municipios rurais.

A subdelegada subliñou que esta iniciativa reflicte “o compromiso do Goberno por abrir a Administración á cidadanía e garantir que todas as persoas, vivan onde vivan, teñan acceso aos mesmos recursos e servizos públicos”. Neste sentido, destacou a importancia de impulsar a capacitación dixital para que ninguén quede atrás nun contexto no que cada vez máis procedementos se realizan de forma telemática.

López tamén puxo o acento na necesidade de reforzar a presenza do Estado no territorio e atender ás particularidades dunha provincia como Lugo, caracterizada pola súa dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación. “Achegar estes servizos ao rural é fundamental para fortalecer a cohesión territorial, reducir a fenda dixital e facilitar o día a día da veciñanza”, sinalou.

Durante a xornada, persoal da Administración desprazouse ata Sarria para informar e formar á veciñanza sobre o uso dos servizos públicos dixitais, resolver dúbidas e facilitar a realización de trámites administrativos esenciais. Entre eles destacan a obtención do certificado dixital ou o acceso ao sistema Cl@ve, ferramentas imprescindibles para relacionarse electronicamente coa Administración.

O programa “A Administración Cerca de Ti” enmárcase nas políticas do Goberno orientadas a dar resposta aos desafíos demográficos e a avanzar cara a unha relación máis directa, sinxela e moderna coa cidadanía, ofrecendo información, formación e acompañamento no acceso aos servizos públicos.

⚙ Configurar cookies
0.080246925354004