A terceira Festa do Peregrino de Triacastela xa ten data
O Concello de Triacastela vén de desvelar a data elexida para celebrar a III edición da Festa do Peregrino, unha xornada que anteriores edicións contou con exposicións, actividades e concertos que amenizaron e encheron a vila dun ambiente festivo. Será o próximo 16 de xullo e nas próximas semanas coñeceranse tamén as novidades para este ano.
Triacastela retomou o pasado verán, despois do obrigado parón pola Covid-19, unha festa que se iniciou no 2019 e que nesa segunda edición consistiu nunha xornada cargada de actividades e actuacións dirixidas a todos os veciños, veciñas e peregrinos, a quen se lles adica esta celebración. A festa comezou ás 10.00 horas cunha peregrinaxe de tractores do Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria -Muvicla- por un tramo do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio.
Os festexos levaronse a cabo na praza do Concello e nun tramo da avenida Camilo José Cela, onde houbo 15 postos de artesanía e produtos da zona. Así mesmo, realizouse un pasarrúas co grupo Foliada de Bosende e os asistentes á feira poideron desfrutar da exposición Triacastela subterránea, unha exposición sobre as covas de Eirós, unha cova prehistórica de gran valor histórico e cultural para a vila.
O pregón correu a cargo do xornalista de Samos e doutor en Socioloxía e Ciencia Política, Lois Celeiro. Pola tarde, a xornada estivo amenizada por unha obra de marionetas e por unha obra de teatro, que traerán a Triacastela dúas formas literarias diferentes dirixidas a todos os públicos.
Para rematar, a vila acolleu un concerto da cantante do Incio, Lucía Pérez que pechou coa súa música unha xornada de ambiente festivo e divertimento.