A UNED Sénior celebra en Sarria doce anos de formación coa entrega de diplomas a 40 estudantes

A UNED Sénior de Sarria celebrou este mércores, 23 de setembro, doce anos de traxectoria na vila cun acto no Vello Cárcere no que 40 estudantes recibiron os seus diplomas tras cursar as materias de Inglés para Viaxar e Tertulias Literarias. A cita serviu para pechar esta etapa formativa, pero tamén para mirar cara aos inicios dun programa que se consolidou na vida educativa, social e cultural sarriá.
A cerimonia estivo presidida polo alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e pola directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira Pena, quen destacou especialmente a implicación do alumnado e a súa vontade de continuar aprendendo independentemente da idade.
Un dos exemplos desa fidelidade púxose de manifesto durante o acto ao lembrar que dúas estudantes participaron ininterrompidamente na UNED Sénior desde a súa implantación en Sarria hai doce anos. Unha constancia que, para a institución académica, representa o espírito dun programa baseado na curiosidade, na convivencia e na formación ao longo de toda a vida.
A celebración permitiu tamén recuperar a historia dos primeiros pasos da aula Sénior na localidade. Neste percorrido tivo un protagonismo especial Olga López, Olguita, recoñecida como unha das principais impulsoras da iniciativa xunto coa corporación municipal daquela etapa.
"Se hoxe estamos aquí celebrando doce anos de UNED Sénior en Sarria é porque houbo persoas que no seu momento creron neste proxecto e, sobre todo, traballaron para facelo posible, consolidalo e mantelo vivo ao longo do tempo", sinalou Ana Belén Traseira.
A directora da UNED de Lugo estendeu este recoñecemento ás diferentes corporacións municipais que durante estes anos mantiveron a colaboración, permitindo dar continuidade á iniciativa e fortalecer progresivamente a relación entre a Universidade e o Concello.
Traseira dedicou tamén un agradecemento ao alcalde, Claudio Garrido, pola colaboración establecida noutros proxectos, especialmente nas Xornadas Xurídicas de Sarria. A participación da UNED nesta iniciativa permitiu reforzar, segundo destacou, a súa dimensión académica e contribuír á súa proxección internacional.
A directora valorou neste sentido que Sarria abrise as portas das Xornadas Xurídicas á Universidade, ampliando unha cooperación institucional que comezou coa UNED Sénior e que foi incorporando novos ámbitos ao longo dos anos. O encontro xurídico converte cada ano a vila nun punto para a reflexión, o coñecemento e o debate especializado.
A celebración dos doce anos chegou ademais acompañada de novidades para os próximos meses. Ana Belén Traseira avanzou a intención de incorporar novas materias durante o segundo cuadrimestre deste mesmo curso ante a elevada demanda detectada entre o alumnado.
A ampliación permitiría incrementar progresivamente as posibilidades formativas e responder ao interese dunha comunidade de estudantes que a UNED define como especialmente activa e participativa.
A entrega dos 40 diplomas converteuse así non só nun recoñecemento ao traballo realizado nas materias de Inglés para Viaxar e Tertulias Literarias, senón tamén nunha celebración da continuidade dun proxecto que, doce anos despois da súa chegada a Sarria, mantén como principio que a aprendizaxe non entende de idades.