A veciñanza de Oural denuncia o abandono da rúa Principal e reclama máis limpeza e mantemento

SarriaXa
Os residentes aseguran que levan máis dun ano sen servizos de limpeza e critican o estado xeral da zona, incluíndo papeleiras, maleza e problemas na contorna da estación
rúa-Principal-Oural-Sarria
30 Jun 2026

A veciñanza da parroquia de Oural, en Sarria, denunciou o estado da rúa Principal, que consideran abandonada e sen servizos de limpeza desde hai, polo menos, un ano. Segundo explican, trátase da principal vía de conexión con Sarria e outros núcleos de poboación, na que aseguran que se acumula terra, hai papeleiras cheas e mesmo residuos que caen ao exterior.

Os residentes afirman que contactan de maneira recorrente co alcalde para solicitar a limpeza da vía, chegando a chamar cada 15 días, pero sosteñen que, malia as promesas de envío de persoal, non se executan as actuacións. Ademais, denuncian que tampouco se realizan traballos de desbroce nas zonas verdes que acompañan a rúa, algo que interpretan como un sinal de abandono máis amplo.

Un dos veciños considera que esta situación podería ser o inicio dun problema maior, ao afirmar que se a rúa Principal presenta este estado, a situación no resto dos núcleos rurais de Oural podería ser aínda peor. Engade que, ao seu xuízo, “non só está mal esta rúa, senón todo Oural está abandonado”, asegurando que “non veñen por aquí nin por casualidade”.

Outro residente lembra tamén o estado da contorna do barrio da estación tras as obras que está a executar ADIF na zona ferroviaria. Aínda que recoñece melloras respecto á situación anterior, sinala que en episodios de fortes choivas a área chega a inundarse e “convértese nun río”.

A veciñanza espera que estas queixas sexan atendidas polo Concello de Sarria e que se poida dar unha solución a unha situación que, segundo denuncian, se prolonga no tempo sen resposta efectiva.

0.12827515602112