A volta ciclista 'O Gran Camiño' terá lugar en febreiro

SarriaXa | LugoXa
Lugo será o punto de inicio da volta ciclista profesional O Gran Camiño, que terá como final de etapa Sarria
O gran camiño
O gran camiño
15 dic 2022

Lugo será o punto de inicio da volta ciclista profesional O Gran Camiño, que por segundo ano traerá a Galicia o mellor ciclismo internacional, co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que se celebrará o vindeiro 23 de febreiro.

Coa Muralla e o Camiño Primitivo como pano de fondo, a cidade de Lugo será escenario dunha etapa, a primeira desta volta, que culminará en Sarria, punto de referencia do Camiño Francés. Así se deu a coñecer no acto de presentación da etapa na que interviron o deputado de Deportes, Efrén Castro, o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, o responsable da organización, Ezequiel Mosquera, e o exciclista Álvaro Pino, embaixador da proba.

Efrén Castro sinalou a “capacidade que ten o ciclismo para mostrar o noso país” e enmarcou, nese contexto, “a decisión sobre o percorrido, que ten como referencia dous puntos icónicos, como son a Muralla de Lugo e o Camiño Primitivo, na saída, e Sarria, referente do Camiño Francés, na chegada”. A falta de concretar o trazado, adiantou que “será un escaparate para o patrimonio arquitectónico e natural de Lugo e do sur da provincia, achegando o pelotón ás  localidades”.

O tenente alcalde Rubén Arroxo agradeceu á Deputación e á organización que “contasen para a saída da proba con Lugo, e concretamente coa Muralla de Lugo, un patrimonio que temos que seguir potenciando”. “Unha boa forma de facelo é con eventos coma este, que se vai poder ver en pantallas de todo o mundo”.

O acto celebrouse na praza da Mosqueira, coa participación tamén da vicepresidenta da Deputacíon de Lugo, Maite Ferreiro, a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, e o concelleiro de Infraestruturas, Álex Penas

O Gran Camiño serán catro etapas, entre o 23 e o 26 de febreiro, unha por cada unha das provincias galegas, sumando ao propio espectáculo do ciclismo profesional internacional a promoción do territorio.

O Gran Camiño, que a pasada edición pechou cunha contrarreloxo en Sarria, permitiu o ano pasado que as paisaxes galegas chegasen a millóns de espectadores de todo o mundo a través das súas canles de difusión e, principalmente, da emisión de Eurosport, constituíndo unha auténtica xanela ao mundo para Galicia. Tamén nas estradas, devolveu aos galegos a posibilidade de gozar dunha volta ciclista profesional 20 anos despois da última Volta a Galicia destas características.

A organización confirmou este luns a presenza na proba do considerado mellor equipo do mundo, Team Jumbo-Visma Cycling.