A Xunta aborda novas accións de impulso ao pan galego con colectivos da provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Tratouse tamén a recuperación de cereal autóctono galego mediante a súa implantación en terras abandonadas
impulso-pan-galego-xunta
28 Apr 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión con representantes da asociación Prorural Galicia, da Confederación de Empresarios de Lugo, da Asociación Provincial de Fabricantes de Pan de Lugo, de Aresa, de Agronovo Ecoloxía e da cátedra do pan da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de avanzar na posta en valor e impulso do pan galego, que conta cunha indicación xeográfica protexida propia, contribuíndo ao desenvolvemento do rural.

No encontro púxose o foco na necesidade de reforzar e dinamizar o selo de calidade do pan galego entre as propias panadarías, como paso clave para incrementar o número de operadores adheridos e consolidar a súa presenza no mercado. Este impulso inicial considérase fundamental para fortalecer o posicionamento do produto e ampliar o seu alcance.

A partir desta liña de traballo, abordáronse tamén outras iniciativas complementarias, como a recuperación de cereal autóctono galego mediante a súa implantación en terras abandonadas, a posta en valor das particularidades do pan segundo as distintas zonas xeográficas —co obxectivo de avanzar cara á definición de subzonas—, así como novas accións de promoción e divulgación que contribúan a reforzar o coñecemento e o consumo deste produto.

Cómpre salientar que a IXP Pan Galego acadou no pasado ano unha produción certificada de máis de 45.000 quilos, a través de 22 industrias comercializadoras inscritas, o que lle permitiu acadar un valor superior aos 180.000 euros.

0.12733507156372