A Xunta adxudica por máis de 3,3 millóns de euros a mellora do firme nas estradas LU-633, LU-546 e LU-621

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
As obras, cun prazo de execución de seis meses, actuarán sobre máis de 63 quilómetros de vías autonómicas ao seu paso por dez concellos lucenses
lu-633-Portomarin
24 Jul 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, adxudicou por un importe de 3.342.935,20 euros as obras de reforzo do firme nas estradas autonómicas LU-633, LU-546 e LU-621, que discorren polos concellos do Corgo, Portomarín, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria, Triacastela e Monforte de Lemos. Os traballos foron adxudicados á empresa Grupo Bascuas 2008, S.L. e contan cun prazo de execución estimado de seis meses.

O obxectivo da actuación é rehabilitar a capa de rodaxe destas vías para mellorar as condicións de circulación e incrementar a seguridade e o confort dos usuarios. En total, as intervencións abranguerán máis de 63 quilómetros de estradas de titularidade da Xunta.

Na LU-633, que comunica Pedrafita co Alto do Hospital, actuarase en tres treitos que suman 48,5 quilómetros, concretamente entre os puntos quilométricos 0+000 e 13+500, 26+840 e 27+870, e 50+000 e 84+050.

Pola súa banda, na LU-546, que conecta Nadela con Monforte de Lemos, as obras desenvolveranse en dous treitos comprendidos entre os quilómetros 10+085 e 13+700, e entre o 51+720 e o 55+560, cunha lonxitude total de 7,4 quilómetros.

Finalmente, na LU-621, que une A Pobra de San Xiao con Baralla, renovarase o firme entre os puntos quilométricos 11+300 e 19+000, nun tramo de 7,7 quilómetros.

Os traballos consistirán na renovación superficial do firme existente e completaranse co repintado de todas as marcas viarias e coa reposición da sinalización horizontal nos treitos obxecto da actuación. Segundo destaca a Xunta, estas intervencións permitirán prolongar a vida útil do pavimento, reducir os custos de conservación a longo prazo e reforzar a seguridade viaria.

As obras executaranse integramente dentro da franxa de dominio público das estradas, polo que non será necesario realizar expropiacións.

0.13220715522766