A Xunta concede 30.000 euros a Samos para mellorar infraestruturas turísticas

SarriaXa
A actuación incluirá nova sinalización, paneis informativos e a retirada dun antigo depósito de auga visible desde o Camiño de Santiago
Códigos-QR-Samos
27 Jul 2026

O Concello de Samos recibiu unha subvención de 30.000 euros da Axencia Turismo de Galicia para executar distintas actuacións destinadas a mellorar as infraestruturas turísticas do municipio. A achega enmárcase na liña de axudas dirixida a concellos de menos de 10.000 habitantes para impulsar actuacións que reforcen o atractivo dos seus recursos turísticos.

Unha parte do investimento destinarase á posta en valor do miradoiro de Penabranca, situado na ruta do Carballal. O espazo, que na actualidade conta unicamente cun valado de protección, será acondicionado coa substitución deste peche, a instalación de bancos e dunha mesa interpretativa para que veciñanza e visitantes poidan gozar das vistas sobre Samos e Sarria.

A actuación completarase coa colocación de novos paneis informativos e sinalización turística en diferentes puntos do municipio, así como coa retirada dun antigo depósito de auga situado no colexio. Esta infraestrutura atópase en desuso e, segundo o Concello, provoca un impacto visual negativo ao ser visible desde o Camiño de Santiago.

Inicialmente, o Concello tamén tiña previsto habilitar un novo miradoiro na entrada da vila de Samos, ao paso do Camiño Francés, desde onde existe unha ampla panorámica do mosteiro beneditino. Porén, esta intervención non poderá levarse a cabo ao non obter a autorización necesaria por parte de Patrimonio.

Esta é a segunda anualidade consecutiva na que Turismo de Galicia concede esta subvención ao Concello de Samos. O pasado ano, os 30.000 euros da axuda permitiron sinalizar a ruta do Carballal, un percorrido circular duns nove quilómetros con saída e chegada na vila, ademais de acondicionar e sinalizar, xunto co Concello do Incio, o itinerario eufrasiano.

0.12865591049194