A Xunta destina 58.000 euros á mellora de locais sociais de asociacións veciñais da comarca de Sarria

A Xunta de Galicia investiu preto de 58.000 euros na mellora dos locais sociais de seis asociacións de veciños da comarca de Sarria, a través das achegas convocadas este ano para este fin.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou os inmobles das asociacións Ajuilaouca e D’Carballo D’Arroxo, ambas no municipio de Sarria, para comprobar os resultados das obras realizadas co apoio do Goberno galego. Na visita estivo presente tamén a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López.
Na asociación Ajuilaouca, con sede en Goián, os traballos incluíron o peche do terreo que acolle o local social cun valado de piñeiro, o arranxo das escaleiras exteriores e a construción dunha rampla de acceso equipada cunha varanda.
Pola súa banda, D’Carballo D’Arroxo realizou actuacións de acondicionamento na antiga escola de Goimil, que incluíron a substitución da cuberta na zona correspondente á vella vivenda dos mestres, moi deteriorada, e melloras na accesibilidade do inmoble.
As outras asociacións beneficiarias destas axudas foron a de Betote e a de Manán – Mato San Salvador, no municipio de Sarria; San Mariño de Río, en Láncara; e Rivas de Miño, no Páramo.
Arias lembrou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes convoca anualmente estes apoios para financiar melloras nos locais das comunidades de veciños e a adquisición de equipamento, co obxectivo de impulsar as actividades de interese social que desenvolven estas asociacións.