A Xunta destina máis de 575.000 euros á modernización de 29 negocios turísticos da provincia de Lugo

SarriaXa
Dous establecementos de Sarria e Samos figuran entre os beneficiarios dunha liña de axudas para mellorar instalacións, accesibilidade, eficiencia enerxética e dixitalización.
mellora-negocios-Sarria-Xunta
21 Jul 2026

A Xunta de Galicia destina un total de 575.400 euros á modernización de 29 establecementos turísticos da provincia de Lugo a través da orde de axudas convocada este ano pola Axencia Turismo de Galicia para impulsar a mellora de aloxamentos e restaurantes.

Na comarca tamén se beneficiarán desta convocatoria dous negocios situados nos concellos de Sarria e Samos. No conxunto da provincia, as subvencións chegan a 16 establecementos de aloxamento e 13 de restauración distribuídos en 18 municipios.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou que o Goberno galego mantén unha colaboración continua co sector turístico co obxectivo de consolidar unha oferta baseada na calidade e na excelencia en todo o territorio. Neste sentido, lembrou que desde o ano 2022 a Xunta destinou 18 millóns de euros a este programa de axudas directas.

A convocatoria subvenciona actuacións dirixidas á mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética dos establecementos, á dixitalización dos sistemas de xestión, á instalación de sistemas de seguridade e á execución de obras que permitan incrementar a categoría dos negocios ou obter certificacións de calidade, especialmente a Q de Calidade Turística.

As axudas poden cubrir ata o 60 % do investimento realizado, cun importe máximo de 60.000 euros por beneficiario.

0.11552810668945