A Xunta de Galicia e o Concello de Paradela estudan mellorar a ruta de sendeirismo do río Loio
A Xunta de Galicia e o Concello de Paradela estudarán posibles vías de colaboración entre ambas administracións para executar un proxecto co fin de mellorar a ruta de sendeirismo do río Loio, un itinerario localizado dentro do Espazo natural de interese local (ENIL) Loio-Ruxidoira.
Este foi o asunto principal que abordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a rexedora municipal, Montserrat Mulet, durante a reunión que mantiveron co fin de abordar este e outros asuntos de interese municipal no ámbito das súas competencias.
Máis concretamente, abordaron o estado actual desta ruta, un sendeiro lineal de sete quilómetros que discorre paralelo ao río Loio e atravesa zonas con vexetación autóctona, muíños e fervenzas.
Ao respecto, a rexedora explicou que "o percorrido presenta algunhas deficiencias que o Goberno local quere corrixir", ante o cal a responsable autonómica lle recordou que, como un dos municipios pertencentes á Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras de Oribio e Courel, tamén pode acollerse ás axudas que cada dous anos convoca o seu departamento para apoiar a execución de diferentes proxectos nestes espazos e que, previsiblemente, se publicarán a finais de 2024.
Así mesmo, a rexedora tamén indicou que se está a traballar nunha auditoría da rede de abastecemento municipal para detectar posibles perdas de auga, grazas a unha axuda de case 6.000 euros concedida pola Consellería a través de Augas de Galicia.