A Xunta e O Páramo analizan novas vías de colaboración para mellorar infraestruturas e servizos

SarriaXa
O delegado territorial en Lugo destaca a nova liña de axudas de 3,5 millóns de euros para actuacións municipais
reunion-entre-Xunta-de-Galicia-e-Concello-do-Páramo
2 Apr 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión de traballo co alcalde do Páramo, José Luis López, co obxectivo de abordar as principais necesidades do municipio nos ámbitos que dependen da Administración autonómica e avanzar en posibles vías de colaboración institucional.

Durante o encontro, ambas partes analizaron diferentes cuestións relacionadas coa mellora das infraestruturas locais, así como co reforzo dos servizos públicos, incidindo na importancia de coordinar esforzos entre administracións para dar resposta ás demandas da veciñanza e favorecer o desenvolvemento do municipio.

Entre as actuacións máis recentes, Arias lembrou a concesión dunha axuda de 34.100 euros destinada ao acondicionamento dos accesos ao núcleo de San Mamede da Ribeira. Esta intervención enmárcase na orde de subvencións impulsada o pasado ano pola Xunta para a mellora de infraestruturas públicas de carácter local, unha liña que busca facilitar actuacións en concellos do rural.

Neste contexto, o delegado territorial destacou que precisamente se publica no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria desta orde de axudas, promovida pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que contará cun orzamento global de 3,5 millóns de euros para a presente anualidade. Os concellos interesados poderán presentar as súas solicitudes a partir do día seguinte á súa publicación.

Arias subliñou o compromiso do Goberno galego cos municipios, facendo fincapé en que “a Xunta está sempre ao carón dos concellos, ben mediante actuacións directas ou a través de programas de axudas”, ao tempo que destacou que a cooperación entre a Administración autonómica e as entidades locais resulta clave para impulsar o desenvolvemento económico e social do territorio.

Pola súa banda, o rexedor do Páramo trasladou as principais demandas do municipio e valorou positivamente a continuidade destas liñas de apoio, que permiten acometer melloras en infraestruturas e servizos básicos, contribuíndo a fixar poboación e a mellorar a calidade de vida no rural.

0.11621904373169