A Xunta impulsa melloras en infraestruturas, servizos municipais e emprego en Paradela

A Xunta destinará novas partidas para executar melloras en edificios públicos de Paradela, acondicionar infraestruturas e impulsar programas de emprego no municipio. Así o trasladou o delegado territorial en Lugo, Alfonso Villares, durante unha reunión mantida coa alcaldesa, Montserrat Mulet, na que analizaron os distintos proxectos e investimentos autonómicos previstos para o concello.
No encontro, Villares explicou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes acaba de aprobar unha achega de 30.000 euros para realizar diferentes actuacións no centro de saúde e en dependencias municipais. Ademais, concedeu outros 36.600 euros destinados ao acondicionamento da escola de música. Ambas as dúas subvencións corresponden ao Fondo de Compensación Ambiental 2026, nas súas liñas competitiva e non competitiva, respectivamente.
En materia de infraestruturas viarias, o delegado destacou as actuacións previstas na estrada LU-633, incluídas no contrato formalizado esta mesma semana para a mellora de tres estradas autonómicas da provincia. Neste caso, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas investirá 2,2 millóns de euros en tres treitos diferenciados da vía, entre eles o comprendido entre Sarria, Paradela e Portomarín, entre os puntos quilométricos 50 e 84.
Villares tamén puxo en valor os investimentos previstos pola Consellería do Medio Rural para mellorar as infraestruturas rurais do municipio. En concreto, destinaranse 46.700 euros á mellora de camiños na parroquia de Castro de Rei de Lemos e preto de 136.900 euros á pavimentación da vía de Grallás, entre Paradela e O Páramo.
No ámbito do emprego, sinalou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financia con 454.500 euros o obradoiro dual de emprego Os Soutos II, que se desenvolve nos concellos de Paradela, Láncara e Samos. Esta iniciativa permite que 20 persoas desempregadas reciban formación e melloren a súa cualificación profesional en especialidades vinculadas á construción e ao sector forestal.
A reunión forma parte da rolda de visitas institucionais que Alfonso Villares está a realizar polos concellos da provincia de Lugo co obxectivo de coñecer as súas necesidades, atender as demandas dos gobernos locais e facer seguimento dos investimentos e actuacións que a Xunta desenvolve en cada municipio.