A Xunta impulsa novos investimentos no Páramo para reforzar infraestruturas e potenciar o turismo local

SarriaXa
Alfonso Villares reuniuse co alcalde Benjamín García para analizar proxectos conxuntos e actuacións financiadas polo Goberno galego no municipio
reunion-delegado-territorial-alcalde-O-Páramo
16 Jun 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou o municipio do O Páramo dentro da rolda de encontros institucionais que prevé manter cos alcaldes e alcaldesas da provincia co obxectivo de coñecer as necesidades de cada territorio e facer seguimento dos investimentos impulsados polo Executivo autonómico.

Durante a visita, Villares mantivo unha reunión co alcalde do municipio, Benjamín García, na que ambos abordaron diversas actuacións desenvolvidas a través da colaboración entre a Xunta e o Concello.

Entre os proxectos destacados figura a recente sinatura dun convenio a través da Axencia Turismo de Galicia polo que se destinarán 93.100 euros a iniciativas orientadas a reforzar o atractivo turístico local. Entre as actuacións previstas inclúese a creación dunha área destinada ao estacionamento e pernocta de autocaravanas nunha explanada próxima ao polideportivo municipal, un espazo que contará cos servizos necesarios para atender este tipo de turismo.

O delegado territorial tamén destacou as actuacións previstas para mellorar as infraestruturas viarias do municipio. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural achegará este ano 48.300 euros para acondicionar a vía que conecta Salgueiredo con Santa Andrea. Ademais, investiranse 136.800 euros na rehabilitación da estrada de Grallás, unha infraestrutura compartida entre os concellos do Páramo e Paradela.

A maiores, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes concedeu unha achega de 34.100 euros destinada á pavimentación dos accesos a San Mamede da Ribeira mediante a liña anual de axudas dirixida aos concellos para mellorar infraestruturas de uso público.

Durante a visita, Villares subliñou a vontade do Goberno galego de continuar colaborando cos municipios da provincia para garantir que as actuacións e investimentos autonómicos dean resposta ás necesidades da cidadanía e contribúan á mellora dos servizos e infraestruturas locais.

0.1123321056366