A Xunta investirá máis de 158.000 euros na renovación da cuberta da Casa do Marqués de Sarria

O Consello da Xunta deu luz verde á sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello de Sarria para acometer a substitución da cuberta da Casa do Marqués, tamén coñecida como Vila Andrea. A actuación contará cun investimento de 158.178,30 euros, financiado integramente pola Administración autonómica.
As obras desenvolveranse en dúas anualidades. Para este exercicio está prevista unha achega de 40.500 euros, mentres que os 117.678,30 euros restantes consignaranse no ano 2027.
A intervención consistirá na retirada da actual cuberta de zinc para instalar unha nova do mesmo material, co obxectivo de poñer fin aos problemas de filtracións e goteras que afectan ao edificio.
Desde a Xunta sinalan que esta actuación responde á necesidade de acondicionar un inmoble considerado clave para a actividade cultural e social da vila, xa que acolle habitualmente programacións impulsadas polo Concello e por diferentes colectivos e asociacións do municipio.
A Casa do Marqués, situada na céntrica rúa Matías López e construída a finais do século XIX, destaca pola súa arquitectura de estilo indiano. Ademais, figura no catálogo municipal de elementos de especial protección polo seu valor histórico, artístico e patrimonial, ao tempo que se atopa dentro do ámbito de protección do Ben de Interese Cultural (BIC) do Camiño Francés.
A renovación da cuberta constitúe o primeiro paso para continuar coa rehabilitación integral do edificio. Unha vez solucionados os problemas de humidades e filtracións, poderanse afrontar outras actuacións pendentes, como a renovación da instalación eléctrica. Precisamente, a posta en valor de Vila Andrea foi un dos compromisos incluídos no acordo asinado en setembro do pasado ano entre Camiña Sarria e o Partido Popular, que contempla a futura musealización do inmoble.