A Xunta mobiliza 350 persoas e máis de 200 vehículos para o operativo de vialidade invernal

A Xunta ten mobilizadas máis de 350 persoas e máis de 200 vehículos e maquinaria para garantir a seguridade nas estradas galegas durante os próximos meses. Así o anunciou este martes a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, durante unha visita ao Centro de Conservación e Explotación de Estradas (COEX) do Incio, onde presentou o Plan de Vialidade Invernal de Galicia 2026-2027. Na visita tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza.
O operativo está despregado desde o pasado 1 de novembro e permanecerá activo ata o 30 de abril de 2027. Os recursos humanos e técnicos teñen como obxectivo previr e atender as incidencias que poidan afectar á circulación durante o inverno, como as fortes choivas, as nevadas ou a formación de placas de xeo.
O plan abrangue os 5.500 quilómetros da rede viaria autonómica, con especial atención aos 820 quilómetros identificados como zonas de maior risco de acumulación de neve. Entre os medios dispoñibles figuran máis de 60 camións adaptados con equipos para retirar neve e esparexer sal, ademais de vehículos e maquinaria auxiliar, como retroescavadoras.
O dispositivo conta tamén con preto de 5.300 toneladas de sal e outros fundentes, distribuídos en 24 puntos de provisión, 25 silos e 13 plantas de salmoira repartidos por toda Galicia.
Ademais dos medios materiais e humanos, o plan contempla percorridos diarios de control para detectar con rapidez posibles problemas na rede viaria. Neste labor, a Xunta coordínase coa Garda Civil de Tráfico, Protección Civil, o persoal das empresas encargadas da conservación das estradas e a propia cidadanía.
As persoas usuarias poden comunicar calquera situación de risco a través do teléfono gratuíto 112. O obxectivo é manter a vixilancia e atender durante as 24 horas as incidencias derivadas das condicións meteorolóxicas adversas, así como reducir as afeccións ao tráfico.
Allegue pediu aos condutores que extremen a precaución e actúen con "sentidiño", seguindo en todo momento as recomendacións das autoridades.