A Xunta pide colaboración e traballo conxunto entre os axentes da cadea de valor do leite

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A titular de Medio Rural agradeceu a Unións Agrarias (UUAA) e Asociación Agraria de Galicia (Asaga) o seu bo talante e o compromiso para traballar conxuntamente
Xunta-con-UUAA-e-Asaga
12 Ago 2024

A Xunta fixo un novo chamamento á colaboración e ao traballo conxunto entre todos os axentes da cadea de valor do leite - gandeiros, industria, distribución e consumidores- a prol da estabilidade e o equilibrio nun sector no que Galicia é referente.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse con responsables das organizacións profesionais Unións Agrarias (UUAA) e Asociación Agraria de Galicia (Asaga). No encontro, acompañaron á conselleira o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.

Pola súa banda, a delegación de UUAA estivo encabezada polo seu secretario xeral, Roberto García, e a de Asaga polo seu presidente, Francisco Bello. Tras a xuntanza, a titular de Medio Rural agradeceu a ambas entidades o seu bo talante e o compromiso para traballar conxuntamente en favor deste eido produtivo. Reiterou, asemade, que por parte da Xunta seguirase mantendo con todas as partes do sector leiteiro “un diálogo fluído, para achegar posturas”.

Neste contexto, a conselleira amosou tamén a súa “satisfacción” ao valorar o proceso de renovación dos contratos neste eido, malia que, puntualizou, “sempre hai marxe para mellorar”. Así, quixo recoñecer ás empresas que apostaron desde o primeiro momento por manter prezos, é dicir, por esa estabilidade, e apelou a reducir o diferencial existente entre o prezo do leite galego e o do resto de España.

Ambos, engadiu Gómez, son obxectivos para os que cómpre ese traballo en común de cara a consolidar un equilibrio que, salientou, “vai facer que os máis novos queiran seguir apostando por permanecer no rural e por continuar nas explotacións”.

Deste xeito, sinalou a conselleira, será posible para a nosa comunidade manter o liderado dentro de España, tanto en número de gandeiros -“aquí están máis da metade do total nacional”, aseverou,- como en produción, que se segue incrementando.

0.17641305923462