A XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio celebrarase o 22 de agosto

SarriaXa
O Concello abre o prazo de inscrición para os expositores interesados en participar no certame
Feira-da-Artesanía-do-Incio-2024
3 Aug 2026

A Praza de España do Incio acollerá o vindeiro 22 de agosto a XVI Feira de Artesanía e Produtos da Terra, unha cita xa consolidada no calendario estival do municipio que reunirá artesáns, produtores e visitantes ao longo de toda a xornada.

Con motivo desta nova edición, o Concello abriu o prazo de inscrición para os expositores que desexen participar no evento. A feira desenvolverase en horario ininterrompido de 11.00 a 20.00 horas e a participación será gratuíta para os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e para os postos de produtos alimentarios galegos que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.

Terán prioridade as empresas e produtores que conten con distintivos de calidade como a Indicación Xeográfica Protexida ou a marca Artesanía de Galicia.

As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica e acompañarse da documentación acreditativa de estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Así mesmo, os interesados deberán achegar imaxes ou un catálogo dos produtos que prevén comercializar durante a xornada.

O prazo para formalizar a inscrición permanecerá aberto ata o 12 de agosto ás 14.00 horas. Unha vez rematado, o Concello comunicará aos solicitantes a resolución do proceso de selección.

A pasada edición reuniu arredor de 40 postos cunha ampla variedade de produtos, desde alimentación ata artigos de artesanía, madeira, coiro, roupa, calzado e libros. Ademais da zona expositiva, a programación incluíu degustacións, obradoiros, actuacións musicais e actividades para todos os públicos.

0.12928819656372