A XXV Feira da Tenreira de Láncara foi todo un éxito ao acoller diversas actividades culturais
A XXV Feira da Tenreira Galega, que se desenvolveu no campo da feira da Pobra do San Xiao, acolleu a participación de centos de persoas que se achegaron ao municipio lancarés estes pasados 30 de abril e 1 de maio.
Así, durante estes días desenvolvéronse diferentes actividades, como a XV Festa dos Avós, os cantos de taberna, actuacións musicais, degustación de tenreira galega suprema, exhibicións das Escolas Deportivas Municipais no pavillón, postos de artesanía e cestería, así como houbo unha poxa de vacas xovencas organizada por Acruga o Día do Traballador.
Ademais, houbo tamén unha degustación gratuíta de queixos artesáns e sidra ecolóxica do país, un percorrido polo recinto feiral con visita ás instalacións do gando, a actuación de baile tradicional galego dos nenos da Asociación Cultural Val de Láncara, a exhibición 'Duende Ecuestre', e a entrega premios do concurso de gando vacún e o sorteo dunha becerra.
POXA DE XOVENCAS DE ACRUGA
Desde Acruga sosteñen que a súa primeira poxa celebrada nesta Feira da Tenreira Galega de Láncara, na que se adxudicaron catro xovencas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, foi todo un éxito.
“Os resultados foron moi postivos, debido a que houbo moitísimo público e máis de 20 gandeiros e criadores que retiraron tarxetas acreditativas, dado o seu interese en aquirir algún destes exemplares”, explican. Así, a poxa finalizou coa adxudicación dos catro exemplares cun prezo medio de 2.500 euros e a cotización maior foi para unha xovenca adquirida por 2.600 euros por un gandeiro do Corgo. Os outros tres exemplares leváronos criadores de Sarria, Friol e Baralla.
O presidente de Acruga, César Dorado, valorou moi positivamente a presenza da asociación nesta festa: "É a primeira vez que facemos unha poxa aquí e obtivéronse bos resultados, por enriba dos prezos de saída. Ademais, participamos como sempre o facemos na exposición de exemplares, cuns 75, e realizamos un concurso, o que permitiu a todos os visitantes que se achegaron ata aquí poder contemplar os mellores exemplares de Raza Rubia Galega”.
As explotacións máis destacadas neste concurso foron a Gandería A Morena, de Friol; A de José Antonio Ferreiro Palacios, do Corgo; e a de Manuel López Quiroga, de Samos.
Precisamente, e por esta orde, os responsables das mesmas foron tamén premiados cos tres premios que había ao mellor lote. Ademais, foron os que levaron a maioría dos premios nas seis categorías deste concurso, xunto a outras dúas destacadas explotacións, a gandería de Pena Guisende S.C, do Páramo, e a Gandería Santalla, do Corgo.