A XXVI Cea da Hostalería da Comarca de Sarria reuniu arredor de 250 persoas na Sala Litmar

A Sala Litmar converteuse no escenario dunha multitudinaria celebración coa XXVI Cea da Hostalería da Comarca de Sarria, unha cita que reuniu arredor de 250 persoas vinculadas ao sector, entre propietarios de establecementos, persoal traballador e representantes institucionais. Entre os asistentes estiveron o alcalde, Claudio Garrido, a concelleira Geni Valcárcel, a voceira popular Carmen José López e outros membros da corporación municipal.
A velada comezou pasadas as 20.30 horas cunha recepción na que se serviron pinchos, que se prolongaron ata máis alá das 22.00 horas, momento no que estaba previsto o inicio da cea. Este tempo previo permitiu aos asistentes intercambiar impresións, compartir experiencias profesionais e celebrar, como é tradición cada luns posterior ao Entroido, o peso e a relevancia da hostalería na economía e na vida social da comarca de Sarria.

A organización do encontro correu a cargo de Cinza e Lume, Pulpería María, Oficina Eventos, Pizzería 17, Bar O Turuta e Cámping Vila de Sarria, que coordinaron unha xornada marcada polo recoñecemento ao traballo e á traxectoria no sector. Durante o acto rendeuse unha homenaxe ás irmás Elena e Carmen Guitián, cociñeiras no mesón Pontenova de Samos e na cafetería Central de Sarria, en agradecemento pola súa dedicación profesional.
No transcurso da noite tamén se fixo entrega dos premios aos gañadores do Tapicheo, que recaeron en Cinza e Lume, DP Cristal e Don Pepe. A celebración pechouse cunha sesión musical a cargo dun DJ, que puxo o broche final a unha cita xa consolidada no calendario hostaleiro da comarca.