A XXVI Feira de Artesanía de Samos celebrarase o 9 de agosto con cultura, tradición e literatura

A Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, coa colaboración do Concello e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organizará o vindeiro 9 de agosto a vixésimo sexta edición da Feira de Artesanía de Samos, consolidada como unha das citas culturais e artesanais máis destacadas da comarca sarriá.
A organización estima unha participación similar á da pasada edición, na que estiveron presentes arredor de trinta expositores con propostas de artesanía elaborada a man. O público puido atopar pezas de cerámica, artigos de coiro, produtos téxtiles, obxectos de madeira e diferentes especialidades gastronómicas tradicionais.
Ao longo da xornada tamén se desenvolveron obradoiros demostrativos e actuacións de grupos de música tradicional, enchendo as rúas de ambiente festivo e actividade cultural. A feira volverá converter o municipio nun escaparate de creacións locais, tradicións e sabores da terra, combinando identidade cultural e dinamización económica.
Nesta edición, ademais dos postos de artesanía, do pregón e da programación musical, celebrarase a presentación do libro ‘El mundo desde abajo’, do escritor Valentín Carrera. A obra afonda na odisea australiana do misioneiro beneditino Rosendo Salvado e relata a súa viaxe iniciática desde Roma ata Australia Occidental, onde fundou en 1846 a misión de New Norcia, que continúa activa na actualidade.
O libro percorre a vida de Rosendo Salvado como organista, pianista e contemporáneo de Franz Liszt, ademais de navegante dos mares Mediterráneo, Atlántico e Índico. A publicación tamén destaca o seu papel como defensor dos dereitos humanos, da igualdade da muller e abolicionista da escravitude, nun perfil que o presenta como un humanista adiantado ao seu tempo.
Nas páxinas da obra, Valentín Carrera reconstrúe a travesía vital do misioneiro, acompañándoo na súa ruta a bordo da fragata Elizabeth e profundando nas súas inquietudes e experiencias. O autor ofrece así unha reflexión sobre a viaxe entendida como exercicio de empatía e comprensión do mundo.
O pasado ano, Samos xa acollera a estrea da serie documental ‘Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia’, dirixida tamén por Valentín Carrera para Televisión de Galicia. A produción, dividida en catro episodios, repasaba a traxectoria “incrible e fascinante” do relixioso nacido en Tui en 1814, destacando o seu labor como viaxeiro, músico, escritor, teólogo, antropólogo e científico.