A XXVI Feira de Artesanía de Samos celebrarase o 9 de agosto con Valentín Carrera como pregoeiro

SarriaXa
A cita reunirá postos de artesanía e gastronomía, demostracións de oficios tradicionais, obradoiros e actuacións musicais nunha das principais celebracións do verán no municipio
Feira-de-artesanía-de-Samos
Actualizada el 9 agosto 2026, 11:13 horas
19 Jul 2026

O Concello de Samos acollerá o vindeiro 9 de agosto a XXVI Feira de Produtos Artesáns, unha cita xa consolidada no calendario estival do municipio que volverá converter as rúas da vila nun escaparate da artesanía, a gastronomía e as tradicións galegas. O evento está organizado, un ano máis, pola Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, que prepara un amplo programa de actividades para todos os públicos.

Ao longo da xornada, as persoas asistentes poderán visitar numerosos postos de artesanía e produtos gastronómicos, ademais de gozar de demostracións de oficios tradicionais e obradoiros nos que distintos artesáns amosarán en directo o proceso de elaboración das súas creacións. A programación completarase con actuacións de grupos de música tradicional e formacións folclóricas, que encherán de ambiente festivo o recinto da feira.

Tamén estará presenta a ANPA do CEIP Samos cunha actividade no Campo da Festa a partir das 18.00 horas co obradoiro 'Os Diferentosos', unha actividade que combinará contacontos, xogos e manualidades co obxectivo de ofrecer unha tarde de lecer, imaxinación e creatividade aos máis pequenos. A iniciativa busca que os nenos e nenas participen activamente nas diferentes historias e dinámicas, promovendo valores como a diversidade, a creatividade, o traballo en equipo e o respecto polos demais a través do xogo e da narración. A actividade está dirixida a rapaces e rapazas de entre 5 e 11 anos, mentres que os menores de cinco anos deberán asistir acompañados por unha persoa adulta.

Un dos momentos máis destacados desta edición será o pregón inaugural, que correrá a cargo do escritor e xornalista Valentín Carrera González (Ponferrada, 1958), quen toma a substitución do catedrático Antonio Rigueiro, pregoeiro da pasada edición.

A Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos escolleu a Valentín Carrera para desempeñar este papel polo seu estreito vínculo co municipio. Segundo explicou o presidente da entidade organizadora, José Fernández, a designación responde á relación que o escritor mantén con Samos a través da figura do misioneiro e explorador frei Rosendo Salvado, nacido no mosteiro samanense e considerado unha das personalidades máis relevantes da historia de Galicia pola súa labor en Australia.

Explorador, aventureiro, cronista de viaxes e autor de numerosas publicacións, Valentín Carrera será o encargado de dar o pistoletazo de saída a unha feira que, edición tras edición, aposta por preservar os oficios tradicionais, impulsar o comercio artesanal e poñer en valor o patrimonio cultural e etnográfico de Samos.

0.16343808174133