Abren as inscricións dos programas de verán 'Aventura no Camiño' e 'Camiños de Cultura' de Sarria

O Concello de Sarria abriu o prazo de inscrición para participar nas novas edicións dos programas estivais “Aventura no Camiño” e “Camiños de Cultura”, dúas propostas destinadas a ofrecer alternativas de lecer educativo, deportivo e creativo para a infancia durante os meses de verán.
Por unha banda, o Campamento Deportivo Urbano “Aventura no Camiño” alcanza a súa quinta edición cunha programación centrada no deporte, os xogos e a convivencia. A actividade desenvolverase de luns a venres, entre as 9:30 e as 14:00 horas, e estará dirixida a nenas e nenos nacidos entre os anos 2010 e 2017, ambos incluídos.
O programa estruturarase en catro quendas: do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 3 ao 14 de agosto e do 17 ao 28 de agosto. O prezo establecido será de 8,86 euros por quenda e as prazas serán limitadas.
Xunto a esta proposta deportiva, o Concello tamén desenvolverá unha nova edición de “Camiños de Cultura”, unha iniciativa orientada ao lecer educativo e creativo para os máis pequenos.
Este programa incluirá actividades relacionadas coa música, rutas e actividades de descubrimento, obradoiros creativos, xogos e outras propostas culturais orientadas á aprendizaxe e á diversión. Desenvolverase durante xullo e agosto, en horario de 09:00 a 14:00 horas, e estará dirixido a nenas e nenos nacidos entre os anos 2018 e 2022, ambos incluídos.
As quendas dispoñibles serán as mesmas que no programa deportivo: do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 3 ao 14 de agosto e do 17 ao 28 de agosto. O custo será de 8,86 euros por quincena, con prazas limitadas.
As persoas interesadas en participar en “Aventura no Camiño” deberán formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico [verandeporte@sarria.gal](mailto:verandeporte@sarria.gal), mentres que para participar en “Camiños de Cultura” as solicitudes deberán enviarse ao enderezo [verancultural@sarria.gal](mailto:verancultural@sarria.gal).