O Incio celebra o II Cocido Gourmet Porco Celta con Lucía Pérez como pregoeira

SarriaXa
A cita terá lugar o 14 de marzo no Hotel Hermida Rural de Eirexalba e contará tamén co humorista David Amor e co concerto de Deloreans
Cocido-Gourmet-de-Porco-Celta-do-Incio-2025
28 Feb 2026

O Concello do Incio impulsa a segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta, que se celebrará o sábado 14 de marzo no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba, tras a positiva acollida da primeira convocatoria. O obxectivo é continuar reivindicando este produto autóctono e afianzar a iniciativa dentro do calendario gastronómico galego.

A pregoeira desta edición será a cantante Lucía Pérez, natural do municipio, quen pronunciará o seu discurso ás 14:00 horas. A súa designación responde ás súas raíces no Incio e á súa traxectoria artística, que a levou a actuar en escenarios de dentro e fóra de Galicia levando o nome da localidade. Xunto a ela, o humorista David Amor participará como embaixador do evento, contribuíndo á súa proxección nunha xornada que combina gastronomía e promoción do medio rural.

A programación dará comezo ás 13:00 horas cunha cata de viños guiada coa colaboración de Bruno Lovelle, na que se ofrecerán petiscos gourmet elaborados con Porco Celta como aperitivo. Tras o pregón, ás 15:00 horas iniciarase o xantar, que terá como prato estrela o cocido, seguido dunha queimada co seu tradicional conxuro. A tarde continuará ás 18:00 horas cun concerto do grupo Deloreans, que interpretará versións de temas indie, pop e rock. Xa ás 20:00 horas celebrarase unha cea con iscos ao espeto e, posteriormente, a xornada pecharase cunha noite de destilados selectos e combinados.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, destacou que esta segunda edición dá continuidade a un proxecto que naceu coa intención de fortalecer a identidade gastronómica do municipio e respaldar o sector do Porco Celta. Ademais, incidiu en que a meta é que o evento medre progresivamente, gañe visibilidade e se consolide como unha referencia dentro das citas gastronómicas tanto da provincia como do conxunto de Galicia.

O Concello abriu onte o prazo de reservas para participar no II Cocido Gourmet Porco Celta do Incio. As mesas deberán reservarse chamando exclusivamente ao Concello, por orde de chamada e ata completar o aforo dispoñible. As mesas están pensadas preferentemente para 12 comensais e teñen un prezo de 50 euros por persoa, aínda que tamén poderán reservarse, ao mesmo custo, as prazas individuais que queden libres. No caso de cubrirse todas as prazas, habilitarase unha lista de agarda.

A reserva considerarase confirmada unha vez efectuado o pagamento no prazo máximo de tres días; de non formalizarse, a mesa quedará liberada. O abono poderá realizarse en efectivo nas dependencias municipais ou mediante ingreso na conta bancaria que se facilitará no momento da chamada. Para máis información e para tramitar as reservas, as persoas interesadas poden contactar co Concello do Incio no teléfono 982 42 70 14.

0.12293601036072