AELU participou en Sarria nun encontro para fortalecer o emprendemento feminino

A Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU) participou no encontro “Mulleres en rede: da conexión á acción”, celebrado en Sarria no marco da Rede de Polos de Emprendemento, unha cita orientada a reforzar o ecosistema emprendedor feminino no territorio.
No evento estivo presente a integrante da directiva da entidade, Fe Castro, quen tomou parte nunha xornada centrada en analizar a situación actual do emprendemento liderado por mulleres, fomentar a conexión entre proxectos e activar novas dinámicas de colaboración.
Durante a sesión desenvolveuse un traballo participativo no que as asistentes abordaron o mapeo do estado actual das súas iniciativas, identificaron retos comúns e exploraron posibles solucións a través do traballo colaborativo. O encontro configurouse así como un espazo práctico no que non só se compartiron experiencias, senón que tamén se impulsaron accións concretas e oportunidades reais de cooperación.
Desde a asociación destacaron a importancia de formar parte deste tipo de iniciativas, que contribúen a fortalecer as redes profesionais e a dinamizar o tecido empresarial feminino na provincia. Neste sentido, AELU reafirmou o seu compromiso coa participación en espazos que favorezan a conexión entre emprendedoras e a xeración de sinerxías.