Álex Losada afronta o seu sexto Mundial de taekwondo, esta vez con dous dos seus alumnos: “Vai ser unha experiencia moi enriquecedora"

GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
O deportista monfortino, tres veces campión de Europa, competirá na categoría sénior, mentres Mateo Fernández e Brais Lombardero debutarán no Mundial nas categorías júnior e cadete
AC-Taekwondo-Campionato-de-España-2026
30 Aug 2026

Jessica Fernández

Álex Losada, deportista monfortino nado en 1999, prepara xa unha das grandes citas da súa traxectoria deportiva. Do 16 ao 20 de setembro, participará en Corea do Sur no seu sexto Mundial consecutivo de taekwondo, unha competición á que chegará acompañado por primeira vez por dous dos seus alumnos da AC Taekwondo Sarria, Mateo Fernández, de Portomarín, e Brais Lombardero, de Lugo.

A cita mundialista supón para Losada un novo reto nunha carreira na que xa acumula tres títulos de campión de Europa e unha medalla de bronce. A pesar deste palmarés, o deportista recoñece que dar o salto ao escenario mundial sempre implica unha dificultade engadida, especialmente pola presenza das grandes potencias asiáticas. O pasado ano quedou ás portas de avanzar ante China, nunha eliminatoria que terminou cunha diferenza mínima, e tamén se mediu a Malaisia na competición por equipos. Agora, encara a nova edición coa intención de mellorar ese resultado e aproveitar a experiencia acumulada durante os últimos anos.

Dous alumnos da AC Taekwondo Sarria dan o salto ao Mundial

A preparación foi intensa e prolongada durante toda a tempada, cunha planificación na que o propio Losada tivo que combinar o seu traballo como deportista coa responsabilidade de adestrar os seus alumnos. O esforzo comeza agora a verse reflectido na clasificación para unha competición da máxima esixencia internacional.

Con el estarán Mateo Fernández e Brais Lombardero, dous deportistas da AC Taekwondo Sarria que chegaron ao club procedentes doutras entidades coa intención de dar un novo impulso ás súas carreiras deportivas e comezar a competir a un nivel maior.

O adestrador destaca especialmente o compromiso que ambos demostraron durante a tempada. Para Losada, o talento por si só non chega e o traballo diario foi determinante para que os resultados comezasen a aparecer. “A verdade é que son dous rapaces moi traballadores, que teñen moitas ganas e iso nótase e facilita sempre as cousas”, sinala.

Brais Lombardero competirá na categoría cadete, destinada a deportistas de entre 12 e 14 anos; Mateo Fernández participará na categoría júnior, entre os 15 e os 17 anos; e Losada competirá na categoría sénior, considerada a categoría absoluta ou «raíña», para deportistas de entre 18 e 30 anos.

Para Mateo non será a primeira experiencia internacional. O deportista xa participou o ano pasado no Campionato de Europa, unha competición na que España conta cun nivel elevado dentro do taekwondo. Porén, o escenario mundial presenta unha dificultade diferente, especialmente pola entrada en competición das grandes potencias asiáticas.

Corea, Filipinas e Tailandia elevan a esixencia

O Mundial permitirá aos dous mozos comprobar de primeira man a distancia que existe entre o nivel europeo e o das grandes potencias do continente asiático. Losada pon especialmente o foco en Corea do Sur, país no que se celebrará a competición e que considera a referencia mundial neste deporte. “Corea sería o top 1 e moi seguido de Filipinas, Tailandia… onde o taekwondo e as artes marciais predominan”, explica. A presenza destes países obriga os deportistas europeos a afrontar cada combate cunha esixencia máxima. Segundo relata o deportista, nos países asiáticos o taekwondo ten unha presenza moito máis profunda na vida dos seus practicantes. “Eles dedican moitísimas máis horas e constrúen a súa vida arredor deste deporte, sendo incluso unha materia no colexio”, sinala Losada, que fala de deportistas capaces de adestrar ata nove horas diarias. Unha realidade que, ao seu xuízo, fai moi difícil competir contra eles, pero que tamén serve como estímulo para os deportistas.

Malia a diferenza de dedicación, Losada considera que a preparación realizada durante os últimos meses permite afrontar a competición con garantías. O obxectivo non se limita ás medallas, senón a conseguir avanzar o maior número de roldas posible e ofrecer unha boa versión tanto individual como colectiva. “Estamos facendo unha preparación moi boa, estámolo intentando da mellor maneira e a intención que temos, máis alá das medallas, é realizar un bo papel, tanto eles como eu, e chegar a pasar o máximo de roldas posible”, apunta. E confía na capacidade do equipo para aproveitar calquera oportunidade que se presente en Corea. “Nós estaremos preparados e, no caso de ter unha oportunidade, estaremos listos para aproveitala”, asegura.

Un reto dobre: competir e exercer de adestrador

A presenza de Mateo e Brais fai que este Mundial teña para Losada un significado especial. Por unha banda, afrontará a competición como deportista; pola outra, terá que acompañar e preparar os seus dous alumnos para unha das experiencias máis importantes das súas aínda curtas carreiras.

É unha dobre faceta que considera especialmente significativa. Durante os últimos anos foi consolidando o seu papel como adestrador sen abandonar a competición, unha combinación que esixe unha importante carga de traballo, especialmente nunha tempada na que os compromisos deportivos se sucederon sen apenas descanso. “É das poucas veces que un deportista fai esa dobre faceta, adestrar os meus deportistas no Mundial e competir”, destaca. A satisfacción, neste caso, chega por partida dobre. Como adestrador, ve como os seus alumnos progresan, melloran e alcanzan obxectivos polos que levan meses traballando. Como deportista, comproba que todo o esforzo persoal durante a tempada lle permite volver estar, unha vez máis, nun Mundial. Entre competicións, adestramentos propios e clases, Losada admite que foi un ano especialmente esixente. Con todo, chegar de novo á cita mundialista supón para el unha recompensa polo traballo realizado.

A dobre faceta de deportista e adestrador tamén lle está levando a reflexionar sobre o futuro. Losada leva adestrando desde os 14 anos e recoñece que o corpo comeza a notar o paso do tempo e as esixencias acumuladas de tantos anos de competición. Este ano cumprirá 27 anos e sabe que a carreira dun deportista de alto nivel ten unha duración limitada. Habitualmente, os competidores sénior comezan a valorar a retirada ao superar os 30 anos, aínda que o monfortino non quere poñerlle unha data concreta ao seu futuro. “Estou desfrutando moito de ambas as cousas, aprendendo con eles e vendo que van conseguindo obxectivos”, explica. A intención é continuar combinando as dúas facetas mentres o corpo e as circunstancias llo permitan e valorar a situación ano a ano.

Unha experiencia para medrar dentro e fóra do tatami

Para Brais e Mateo, a viaxe a Corea do Sur suporá moito máis que unha competición. Será a oportunidade de coñecer deportistas procedentes de diferentes países e comprobar de primeira man o nivel que existe no máximo escenario internacional do taekwondo. Losada considera que esa experiencia pode marcar un antes e un despois na súa evolución deportiva. Chegarán a Corea despois de meses de preparación, pero será alí, diante dos seus rivais e nunha competición de máxima esixencia, cando terán que demostrar que están preparados para afrontar o reto.

Segundo explica, os dous mozos saben perfectamente cal foi o traballo que tiñan que realizar durante os meses previos e agora serán eles mesmos os que teñan que demostrar que están preparados para dar o paso definitivo.

“Van madurar como deportistas, como persoas, e estou seguro de que vai ser unha experiencia moi enriquecedora para eles”, conclúe Losada, que afrontará así en Corea do Sur o seu sexto Mundial, pero cunha responsabilidade engadida: competir el mesmo mentres acompaña a dous alumnos da AC Taekwondo Sarria na súa primeira gran experiencia mundialista.

0.14160299301147