Ameijide acusa á presidenta da Deputación continuar coa política de "sectarismo" na firma de convenios

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Afirma que desde que tomou posesión xa repartiu 1.373.579,72 euros entre municipios afíns, mantendo o mesmo criterio que implantou José Tomé
pp-guitiriz-ameijide
18 May 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular critican que Carmela López mantén a Deputación instalada “no mesmo sectarismo” que José Tomé “ao copiar ao pé da letra o mecanismo de convenios a dedo” para concellos gobernados por PSOE e BNG.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destaca que desde que tomou posesión, o pasado 14 de xaneiro, xa deu a dedo 1.373.579,72 euro en convenios para concellos da súa cor política. “Está claro que Carmela López, lonxe de apostar pola igualdade de trato entre concellos, mantense a mesma práctica herdada: repartir convenios nominativos a dedo entre municipios gobernados polo PSOE e o BNG”, criticou.

Desde a chegada da nova presidenta, os convenios concedidos baixo este criterio mantivéronse “polo que nada mudou na Deputación, senón que consolidou unha política baseada na afinidade política e non nas necesidades reais dos veciños da provincia”.

Antonio Ameijide destaca que algúns destes convenios son para iniciativas que se poden incluír dentro do Plan Deputación, polo que “vemos como Carmela López segue a financiar actuacións a maiores do Plan, pola porta de atrás e unicamente aos seus”, así como “seguen a dar os cartos sempre aos mesmos, a pesar de que se negaron en reiteradas ocasións a incrementar a contía destinada a este Plan para axudar máis a todos os concellos” por ser este Plan a ferramenta “máis xusta no reparto de fondos” da que dispón a Deputación de Lugo.

UN ÚNICO DESPISTE

Antonio Ameijide ironiza con que Carmela López “tivo un despiste” co Concello de Ribadeo, que recibiu un convenio, cun importe de 27.299,83€ (moi por debaixo da achega municipal, que é de 54.599,66€), nun feito que semella máis un despiste que un cambio de criterio, máis aínda cando algúns dos convenios asinados con concellos gobernados por PSOE e BNG superan amplamente os 200.000€.

Ameijide denuncia que PSOE e BNG continúan empregando a Deputación de Lugo e os seus recursos, tanto técnicos como económicos, “como unha ferramenta ao servizo dos intereses partidistas do goberno provincial, discriminando aos municipios en función da súa cor política, unha forma de actuar profundamente inxusta que rompe co principio de igualdade institucional que debería rexer o reparto dos recursos públicos”.

“Os lucenses merecemos unha Deputación transparente, igualitaria e que trate a todos a todos os concellos sen mirar a cor política do alcalde. O que estamos vendo ata o momento é máis do mesmo: propaganda, sectarismo e uso partidista do diñeiro de todos”, sentenciou.

0.12514400482178