ANPA do CEIP Frei Luís de Granada de Sarria: "Loitando, lograremos unha educación pública de calidade"

A participación das familias na vida dos centros educativos vai moito máis alá da organización de actividades. Así o entende a actual directiva da Anpa Frei Luis de Granada de Sarria, integrada por Tere, Mónica, Ari, Marisé e Cris, que desenvolveu iniciativas culturais, sociais, educativas e de convivencia, ao tempo que trasladou ás distintas administracións as necesidades detectadas no centro.
A asociación conta cunha traxectoria que se remonta a 1980 e que experimentou diferentes cambios ao longo dos últimos anos. "A ANPA Frei Luís de Granada naceu en 1980, co nome de ‘APA Colegio Nacional Mixto Frei Luís de Granada’. Hai catro anos, nunha xunta de socios celebrada e aprobada mediante votación, decidiuse cambiar o nome e adoptar o que temos na actualidade. Así mesmo, aproveitamos ese momento para actualizar os estatutos e garantir a continuidade da ANPA durante máis tempo. Entre outras modificacións, reduciuse de sete a catro o número mínimo de compoñentes necesarios para formar parte da xunta directiva. Tamén se incorporou a consideración de asociación con fins culturais e modificáronse diferentes normas que quedaran obsoletas, xa que os estatutos levaban 44 anos sen actualizarse. Por suposto, todas estas modificacións foron debatidas e aprobadas en xunta de socios. Neste momento, a ANPA está formada por Tere, Mónica, Ari, Marisé e Cris. Non obstante, previsiblemente a mediados de outubro convocarase unha reunión de socios para constituír unha nova xunta, xa que unicamente continuarán dúas das actuais integrantes. Durante estes catro anos ‘Educamos na igualdade’, corremos pola leucemia, observamos as estrelas da man do noso exalumno Borja Tosar, percorremos o universo a través dunha viaxe desde o planetario, participamos en feiras de artesanía e de gando, viaxamos por Galicia para coñecer as nosas tradicións, convertémonos en submarinos, peixes, medusas, pilotos de carreiras, elfos, fadas e meigas dos nosos marabillosos bosques galegos; bailamos, cantamos e tocamos cos nosos avós na residencia, graduámonos en cerimonias inesquecibles, comemos paella todos xuntos, participamos en consellos escolares e procesos de elección, e viaxamos ao pasado converténdonos en superviventes ‘Da Cova de Eirós’; fabricando utensilios, vestimentas e instrumentos que logo foron expostos, pero sobre todo, deuse unha maior visualización da participación das familias dentro e fóra do centro”.
"Temos un abano de culturas que nos permite aprender e enriquecernos, fomentando a convivencia sa”
Co inicio do curso 2026/2027, a comunidade educativa atopouse con cambios no equipo directivo e con novidades nos recursos de apoio educativo. Ao mesmo tempo, poñen o foco nas dificultades que, ao seu xuízo, afronta o profesorado para desenvolver todos os obxectivos formulados pola actual lexislación educativa: "Este curso comezamos con cambios no equipo directivo, co que mantemos un contacto diario e unha comunicación constante. Ademais, e a pesar do que inicialmente aparecía publicado no catálogo de postos, a dirección conseguiu que se asignase ao centro un especialista máis de Pedagoxía Terapéutica. En total, actualmente contamos con tres especialistas de PT. Tamén, incorporouse outro especialista de Audición e Linguaxe, polo que neste momento o centro conta con dous profesionais de AL. Actualmente, ao noso centro acoden 428 alumnas e alumnos, procedentes de 15 nacionalidades diferentes, entre elas Francia, Portugal, Cuba, Colombia, Paquistán, Venezuela ou República Dominicana. Temos un auténtico abano de culturas que nos permite aprender e enriquecernos coas diferentes realidades, fomentando unha convivencia sa, respectuosa e inclusiva. Porén, quizais o máis destacable sexa a dificultade que atopan os docentes á hora de desenvolver o seu labor educativo. A actual lei de educación formula obxectivos moi ambiciosos, pero en moitos aspectos tamén resulta difícil de levar á práctica, porque a realidade é que os centros, os docentes e a comunidade educativa en xeral non sempre dispoñen dos recursos necesarios para poder desenvolvela como se formula sobre o papel”.
A REFORMA E OUTRAS NECESIDADES
As deficiencias detectadas no colexio levaron a ANPA e os representantes das familias a reclamar solucións ante distintas administracións. Tras anos de reunións e xestións, a asociación considera que o proxecto que permitirá mellorar o pavillón dará resposta a unha demanda que se arrastra desde hai anos: "No pavillón existen varias deficiencias técnicas, como por exemplo a entrada de auga polos laterais cando chove e fai vento; pingueiras, e unha proliferación de pombas que forman alí os seus niños. Ademais de todo isto, o pavimento está esvaradío pola condensación da auga, e existen algunhas fendas que impiden levar a cabo o desenvolvemento de certas actividades. Debido a esta problemática, a ANPA, así como as nais e pais representantes do Consello Escolar (nese momento), apoiados polo profesorado, solicitaron unha reunión con tres institucións: A Consellería de educación, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo (aínda que eramos coñecedores de que non tiñan competencias, e aínda así acudiu o vicepresidente disposto a colaborar) e o Concello de Sarria (representado polo alcalde e o concelleiro de deportes). No devandito Consello Escolar, todos os alí presentes estiveron de acordo no peche do pavillón sempre e cando “se adaptase á diversidade funcional, o alumnado puidese utilizalo nos recreos cando fixese falta e cumprise cos requisitos da Lei de Arquitectura Pedagóxica”, condicións que eran irrefutables por parte da directiva da ANPA e dos representantes de pais e nais reunidos nese momento. Tras anos de reunións, a visita do conselleiro de Educación e a continua comunicación e información por parte do concelleiro de deportes e do alcalde, en aproximadamente 5 meses (desde que comece a obra), teremos un pavillón en marcha, non unicamente pechado, senón adaptado ás necesidades dos máis pequenos do municipio, xa que non podemos esquecer que neste centro se realizan actividades e campamentos durante todo o ano. Así, algo que comezou hai 4 anos e polo que loitaron persoas anónimas como: María, David, Roberto, Susana, María, Tere, Mónica, Marisé, Ari, Cris (a maioría do profesorado e o equipo directivo), en breve farase realidade. Actualmente, estase tramitando a licenza de obras desde o Concello. Ao tratarse dunha actuación nun centro educativo público, a Consellería de Educación solicitoulle ao Concello a máxima axilidade na concesión da licenza. No relativo ás cifras e á parte económica, o orzamento total de contratación para o peche do pavillón ascende a 554.734 euros con IVE incluído, xa que, tras unha negociación en Santiago entre Alcaldía, Deportes e a Consellería de Educación, finalmente se contemplaron as melloras requiridas no Consello Escolar. En canto ao tempo de execución, o proxecto contempla un prazo de obras de 5 meses para ter o pavillón totalmente pechado e listo".
"En aproximadamente 5 meses -desde que comece a obra-, teremos un pavillón en marcha pechado e adaptado ás necesidades dos máis pequenos”
Máis alá desta actuación, a ANPA considera que aínda existen outras necesidades relacionadas coas infraestruturas e cos recursos humanos do centro. Entre as cuestións que sitúan como pendentes están a redución das ratios, o incremento do profesorado especializado, a recuperación de liñas e as adaptacións dos patios:
"De cara ao futuro queda moito por andar: descenso de ratios, aumento de profesorado especializado, recuperación de liñas, adaptacións nos patios de Infantil e Primaria… Pero os primeiros pasos están dados, e estamos seguras que, se seguimos loitando a través do diálogo e a verdade, lograremos unha educación pública de calidade para o coidado e a formación íntegra do alumnado, porque eles son o futuro, os que moven o mundo; e non podemos deixar que pare”.
Entre as cuestións que seguen pendentes aparece tamén a situación das Casas dos Mestres, un espazo cuxa transformación foi formulada en diferentes ocasións. "As Casas dos Mestres son unha auténtica “pataca quente” para calquera institución ou equipo de goberno. Son moitos os custos que implica a súa demolición e, posteriormente, a construción dun novo espazo. Hai aproximadamente catro anos, solicitouse no Consello Escolar por unanimidade o seu derrubamento e a construción nese lugar dun parque cuberto. Todo iso quedou recollido e asinado polos diferentes representantes e posteriormente levouse a pleno, onde esta opción saíu adiante por maioría. Porén, aquel acordo non ten carácter vinculante. Esta reforma queda preciosa nos programas electorais; de feito, leva aparecendo neles durante anos. Pero, ata que algunha administración pública decida tomalo realmente en serio, ter os fondos necesarios e levalo a cabo, seguirá sendo unha materia pendente. É triste, pero é a realidade. É outra nova meta que alcanzar pola nosa comunidade educativa”.
En canto ao escenario político municipal e á súa posible repercusión na educación, a directiva subliña que a súa posición é manterse á marxe de partidos e pactos. "Cando entras na ANPA, estás representando numerosas familias, con ideoloxías e pensamentos diferentes, por iso desde a ANPA desmarcámonos de calquera partido ou pacto. A nós o que nos importa é que se fagan as cousas, e que se fagan ben, de forma lícita e ética, dándolle o valor que compete á comunidade educativa e sobre todo ao alumnado como principal protagonista do coidado e da aprendizaxe integral. Non obstante, cabe dicir que os representantes institucionais, Carmen José López pola Xunta de Galicia, Efrén Castro pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Claudio Garrido polo Concello de Sarria estiveron aí sempre que nos puxemos en contacto con eles, ademais de concelleiros tanto do equipo de goberno como da oposición apoiaron os nosos proxectos culturais, sociais, de igualdade, interxeracionais, etc., o que é de agradecer”.