Aprazado o desfile de Entroido de Sarria debido ao mal tempo previsto

O Concello de Sarria comunicou o aprazamento do desfile de Entroido que estaba programado para este domingo 15 de febreiro ante as previsións meteorolóxicas adversas. A decisión adoptouse co propósito de actuar con responsabilidade nun evento destas características e preservar tanto o desenvolvemento da celebración como o traballo realizado durante semanas polos participantes.
Desde a administración local sinalan que a medida busca respectar o esforzo investido polas comparsas e agrupacións, así como garantir a seguridade de todas as persoas implicadas e do público asistente. O obxectivo é que o Entroido poida celebrarse nas mellores condicións e lucir como merece.
A nova data proposta para a celebración do desfile é o domingo 22 de febreiro, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables. O Concello avanzou que continuará ofrecendo información actualizada a través das súas canles oficiais.