Aprobada a listaxe de admitidos na sexta edición do programa Coñece a túa provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Esta nova convocatoria bateu récord de participación cun total de 365 solicitudes, 32 máis que o ano pasado
toma-posesion-empregados-deputacion
21 Feb 2026

A Xunta de Goberno desta semana aprobou a listaxe provisional das entidades admitidas para participar na sexta edición do Coñece a túa provincia, que saen publicadas hoxe, no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Esta nova convocatoria bateu récord de participación cun total de 365 solicitudes, 32 máis que o ano pasado. Destas solicitudes, 135 colectivos foron admitidos, mentres que 230 quedan na lista de agarda por se se producen baixas. “Un dato a destacar é que, nesta ocasión, todos os colectivos admitidos participan por primeira vez, xa que se priorizaron as entidades que nunca antes formaran parte desta iniciativa. O obxectivo é ampliar o alcance do programa e abrir novas oportunidades de redescubrir a provincia a través destas viaxes gratuítas”.

Desde que se puxo en marcha en 2021, o programa medrou de xeito constante e consolidouse como un éxito rotundo entre os colectivos da provincia. O seu interese non deixa de crecer: ata agora, preto de 12.200 persoas participaron, xerando un retorno económico superior a 800.000€.

Ademais aprobáronse as bases e convocatorias para cubrir seis novas prazas de funcionario mediante concurso-oposición incluíndo unha praza de Auxiliar para o Arquivo Provincial, tres prazas de Auxiliar de Sala para a Rede Museística-dúas reservadas a persoas con discapacidade-, e por último, dúas prazas de Maquinista- Condutor para o Parque Móbil reforzando así os servizos públicos da institución provincial. Nos vindeiros días sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia.

TOMA DE POSESIÓN

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, deu este venres a benvida a San Marcos a 16 traballadoras e traballadores públicos que tomaron posesión.

Entre eles hai cinco funcionarios de carreira, seis interinos, unha traballadora que se incorpora como persoal laboral temporal e outras catro como persoal laboral fixo.

Levarán a cabo as súas funcións como enxeñeiros agrícolas, auxiliares, fisioterapeutas, maquinistas, ou peóns para a reparación de vías. Durante o acto tamén estiveron presentes a Deputada de Réxime Interior, Promoción do territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a Xefa do Servizo de Recursos Humanos, Pilar Ferreiro Martínez.

0.050079107284546