Apróbanse dúas mocións do PP no pleno do Concello de Sarria

SarriaXa
No último pleno do Concello de Sarria, os concelleiros de PP e do PSOE votaron en contra das novas taxas do matadoiro conforme ao IPC, unha proposta do Goberno local de Claudio Garrido, que defende a necesidade de actualizar unhas tarifas que levan oito anos conxeladas nun servizo “deficitario”.
pleno sarria
2 Dec 2023

No último pleno do Concello de Sarria, os concelleiros de PP e do PSOE votaron en contra das novas taxas do matadoiro conforme ao IPC, unha proposta do Goberno local de Claudio Garrido, que defende a necesidade de actualizar unhas tarifas que levan oito anos conxeladas nun servizo “deficitario”.

O incremento, de 20,8%, serviría, segundo o Goberno local, para compensar o burato de máis de 200.000 euros detectado nas contas do matadoiro e tamén o xustifica porque “así o contempla a ordenanza”.

Porén, a voceira popular, Carmen López, explicou que o seu partido votou en contra e non porque crea necesaria unha actualización “contida e asumible”, senón porque cre que non “procede no momento actual, no que o prioritario é aclarar as cifras reais do matadorio”.

Así mesmo, o PSOE tamén votou en contra porque cren que a subida do IPC debería ser “progresiva, non dun 20%”, segundo explicou Benjamín Escontrela, portavoz socialista.

Pola súa banda, o BNG de Efrén Castro abstívose despois de apuntar que “cada vez hai máis distancia entre os gastos e ingresos no matadoiro”, apuntando a que este sector “é moi importante para unha comarca con forte sector primario”.

Nova reunión na comisión de investigación

Por outra banda, houbo outra reunión da comisión de investigación para tratar as contas do matadoiro, no que participaron os portavoces municipais.

Nesta, concluíron que seguirán investigando para enviar o expediente ao Tribunal de Contas, como propuxo o alcalde, Claudio Garrido.

Pola súa parte, o portavoz do BNG, Efrén Castro, declarou que, desta vez, puideron ver os datos dunha forma máis concreta e pormenorizada para poder avanzar e trasladar o expediente”. Mentres, o PP e o PSOE son partidarios de seguir coa comisión para seguir analizando os datos.

Aprobadas dúas mocións do PP

Con respecto á moción do PP que pide un estudo sobre a iluminación pública en Sarria, esta foi aprobada cos votos a favor do propio grupo popular e cos do PSOE, mentres que Camiña Sarria votou en contra porque “xa está en marcha un proxecto para mellorar as luminarias no Chanto e na Casa da Cultura” e a abstención do BNG.

Por outra parte, tamén se aprobou a moción dos populares instando a Adif a adecentar a ponte do Mazadoiro e as pistas das zonas da vila nas que se están executando obras. Esta si que foi aprobada por todos os grupos, agás polo PSOE, que se abstivo.

Novas iniciativas

No pleno, houbo tamén un momento para que o concelleiro de Medio Ambiente, Borja García, comunicara os avances que hai con respecto aos novos contedores de basura marróns que chegarán en decembro.

E, tamén, tratouse o tema da sentencia do TSXG, que dá á razón ao Concello no tocante ao nomeamento do responsable do CIM.

0.15641307830811