Arusha Espín: “Queremos fomentar e recuperar a unión co pobo de Triacastela”

SarriaXa
Arusha Espín, presidenta da nova asociación Tira Ca Estela de Triacastela, defende as posibilidades do municipio e aposta por explotalas
Tira-Ca-Estela-Triacastela
7 Jan 2026

Jessica Fernández

A asociación Tira Ca Estela xorde en Triacastela da man de nove amigos e amigas que, un día tomando algo, percatáronse de que “non había nada que facer en Triacastela”. Por iso, Arusha Espín, Vítor Cela, Juan Cela, Leila Carballo, Daniel Fernández, Yanira Cela, Saray Vilarín, Adrián Capón, e Óscar Fernández decidiron conformar unha entidade a través da cal organizar actividades para dinamizar a vida social do municipio, xa que “antes se facían máis cousas”. Porén, non cren que sexa só responsabilidade do Concello de Triacastela, senón que ”a xente non se implica, polo que necesitamos apoio por parte dos veciños e veciñas para poder levar a cabo iniciativas”.

Así, Arusha sostén que a intención deste grupo de rapaces é promover iniciativas culturais que sexan de interese para a veciñanza, promovendo que “nos xuntemos máis”, porque o obxectivo final é “promover a cultura e que volvamos a xuntarnos como pobo, que non haxa tan separación. Sobre todo, que poidamos convivir entre xeracións. Non queremos promover unha actividade para os pequenos e outra para os maiores, queremos que poidamos desfrutar todos xuntos”.

Con esta vontade, celebraron a súa primeira actividade o pasado 21 de decembro como carta de presentación á veciñanza da súa misión cultural e integradora na que toda a familia puido desfrutar dun mercadiño de Nadal, unha chocolatada e a visita da Apalpadora, que veu a través da Deputación de Lugo. Así, valoran moi positivamente esta primeira experiencia, que supón un primeiro ladrillo para a construción dunha nova vida cultural en Triacastela; así como agradecen ao Concello de Triacastela, á Deputación de Lugo e ao CEIP pola implicación e a axuda para desenvolver esta iniciativa.

Con respecto ao futuro, a presidenta sostén que “polo de agora, estamos barallando organizar o Entroido, xa que “cando eu era pequena, todos os anos había Entroido nos que participábamos os máis pequenos e tamén se disfrazaban os maiores. Queremos recuperar esa esencia de fraternidade e cariño polo pobo de Triacastela, sobre todo de pertenza, como contraposición ao despoboamento que estamos a vivir”, destaca.

Ademais, engade que “Triacastela é moito máis que o Camiño de Santiago. Cremos que, por exemplo, temos unhas rutas de sendeirismo incribles que non se están potenciando. Están abandonadas e deixadas. Nós queremos volvelas poñer en valor, limpándoas e promover que fagamos varias xuntos. Eu lembro cando era pequena facía rutas e é unha paisaxe preciosa. Temos a Serra de Oribio que é preciosa e non se pon en valor o suficiente. Sempre vemos imaxes da Cascada do Ézaro, que está moi ben, pero é unha cascada e ben que se explota. Aquí temos a montaña do Oribio cunhas paisaxes incribles e cambiantes durante todo o ano. Tamén temos a Cova Eirós, o Castañeiro de Romil, que ten máis de 800 anos…  ten un montón de elementos fermosos que non se dan a coñecer. Eu vexo, por exemplo, pobos pequenos de 20 habitantes en Asturias que poñen en valor as rochas, as rutas de sendeirismo, etc. Aquí a xente vén a Triacastela e non sabe que ver nin que facer. Por iso, para nós o máis importante é poñer en valor o municipio a nivel turístico para que veña xente de toda Galicia e de fóra a desfrutar”.

Por iso, volve subliñar que “o apoio dos veciños e veciñas do pobo é de vital importancia para promover que Triacastela se sitúe no mapa. Queremos que a xente participe na organización das cousas e estamos abertos a todas as propostas da sociedade triacastelá.

⚙ Configurar cookies
0.07674503326416