"As alumnas" pecha a Mostra de Teatro Iván Tourón Morais de Sarria

A V Mostra de Teatro Iván Tourón Morais de Sarria chegará á súa fin este domingo coa representación de "As alumnas", unha proposta de Culturactiva Producións que aborda a memoria, a educación e a influencia que as mestras deixan na vida das persoas.
A función comezará ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Sarria e estará dirixida ao público adulto. A entrada será de balde.
A montaxe conta coas interpretacións de Anabell Gago e Mónica Camaño, a partir dun texto de Paula Carballeira e baixo a dirección de Fina Calleja.
A obra convida a reflexionar sobre as aprendizaxes adquiridas dentro e fóra das aulas, así como sobre o recordo das mestras e as experiencias compartidas que acompañan as persoas ao longo da súa vida.
Con esta representación, a mostra sarriá pecha a súa quinta edición cunha proposta teatral centrada na memoria persoal e colectiva e no papel da educación na construción das experiencias vitais.