As candidatas e candidatos socialistas de Lugo saen a gañar o segundo deputado este 29N

As candidatas e candidatos do PSdeG-PSOE de Lugo iniciaron esta medianoite a campaña das eleccións xerais do 29 de novembro coa vontade de conseguir o segundo deputado pola provincia e contribuír a unha maioría progresista que permita seguir avanzando en dereitos e investimentos. No acto de pegada de carteis celebrado no Cantiño Nemesio Cobreros, ao lado do Vello Cárcere, reivindicaron o traballo do Goberno de Pedro Sánchez e chamaron á mobilización fronte ao retroceso que suporía un executivo de PP e Vox.
Neste arranque de campaña, as candidaturas estiveron arroupadas por alcaldes, alcaldesas, portavoces e militantes chegados de toda a provincia. Xuntos compartiron a pegada dos primeiros carteis e pediron á cidadanía o voto para o PSdeG o vindeiro 29 de novembro.
A candidata número un ao Congreso, Patricia Otero, abriu a campaña cunha mensaxe clara: “Saímos a gañar”. A socialista defendeu que Lugo pode resultar decisiva para reeditar unha maioría progresista. “Imos achegar un segundo deputado por Lugo. Témolo pretiño, ao alcance da nosa man”, afirmou, vinculando ese obxectivo á continuidade dos avances en salarios, pensións, vivenda, igualdade e servizos públicos.
Otero contrapuxo a ilusión e o proxecto de futuro das candidaturas socialistas cunha dereita “instalada no enfado permanente”. Defendeu que o PSOE concorre ás eleccións co balance dun país que medra, crea emprego e amplía dereitos, e advertiu de que eses avances están en xogo o 29N. Fronte a unha dereita que “só ofrece derogar, desmantelar e sacrificar”, pediu o apoio da cidadanía para continuar mellorando as condicións de vida das familias.
A candidata subliñou que os avances conseguidos son un punto de partida para seguir impulsando novas melloras. De cara á próxima lexislatura, Otero situou entre as súas prioridades mellores conexións, máis industria e emprego, o fortalecemento do sector primario, a vivenda pública e protexida e uns servizos públicos de calidade. Reivindicou que vivir na provincia debe ser unha oportunidade e chamou a unha gran mobilización progresista: “O 29N imos demostrar que a ilusión pode máis que o medo e que o progreso pode máis que a involución”.
Pola súa banda, o candidato ao Senado, César Mogo, defendeu un modelo de goberno capaz de “medrar e protexer”. Como exemplo, sinalou que a pensión media en Lugo aumentou máis de 3.600 euros anuais e que o desemprego baixou un 30%. Contrapuxo este balance aos recortes e privatizacións que atribuíu a un eventual executivo de PP e Vox.
Mogo sostivo que o PSdeG é a opción que pode sumar un deputado adicional por Lugo para apoiar a investidura de Pedro Sánchez e reducir a representación da dereita. “Os escanos por Lugo que se sumarán á investidura de Pedro Sánchez virán dos socialistas ou non virán”, afirmou, e anunciou que percorrerán a provincia para explicar o que está en xogo e pedir que “ninguén quede na casa o 29N”.
O número dous ao Congreso, Jorge Bustos, reivindicou a importancia de reforzar a posición de Lugo en Madrid para defender as necesidades do territorio. “É fundamental que Lugo teña voz no Congreso, porque a nosa cidade o merece e porque o merecen todas as persoas que fan de Lugo o lugar máis fermoso para vivir”, afirmou. Bustos apelou á ilusión neste inicio de campaña, pero tamén á responsabilidade ante o que está en xogo o 29N: “Xogámonos os nosos dereitos fronte á dereita e á ultradereita. Non podemos dar nin un paso atrás en todo o que conseguimos durante tantos anos de loita”.
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, evocou o significado do Vello Cárcere para Lugo e a memoria dos lucenses que sufriron prisión e represión por defender a liberdade. Xunto a este espazo, advertiu de que os dereitos conquistados volven estar en risco e reclamou ao PP que poña fin “aos insultos, aos bulos e aos recortes”. “Este 29N saímos a gañar, porque están en xogo os dereitos de todos e todas. A elección é clara: ou dereitos ou involución”, afirmou.
Méndez reivindicou o compromiso das candidaturas e apelou ao voto útil para conseguir o segundo deputado pola provincia. “A forza da xente é imparable cando se mobiliza. Que ninguén quede na casa e que ningún voto progresista se perda en opcións que non teñen posibilidades de conseguir un escano por Lugo”, reclamou.
Miguel Fernández destacou tamén o equipo que integran as candidaturas socialistas, coas que leva anos traballando man a man: “Persoas comprometidas, preparadas, que coñecen os problemas da xente e que saben que a política só ten sentido cando serve para mellorar a vida das persoas”.
Fernández chamou a afrontar as eleccións coa vontade de defender as conquistas e seguir ampliándoas: “Esta campaña non vai de resignarse nin de mirar cara atrás. Vai de defender o que conquistamos e de conquistar todo o que aínda nos falta”. “Nin un paso atrás na igualdade. Nin un paso atrás no progreso”, reclamou.