As escavacións en Cova Eirós avanzan na procura de novos niveis arqueolóxicos do Paleolítico

SarriaXa
A campaña, que se desenvolve ata o 18 de agosto en Triacastela, continúa investigando un dos xacementos prehistóricos máis importantes de Galicia, único pola presenza de arte paleolítica
traballos-en-Cova-Eirós-Triacastela
12 Aug 2026

Os traballos arqueolóxicos que se están a desenvolver na Cova Eirós, en Triacastela, continúan avanzando coa finalidade de profundar no coñecemento dun dos xacementos prehistóricos máis relevantes de Galicia. A campaña arrancou o pasado 4 de agosto e prolongarase ata o día 18, centrándose na escavación de novos niveis arqueolóxicos e no rexistro detallado do interior da cavidade.

As actuacións permitirán completar a escavación do denominado nivel 4 e continuar os traballos no nivel 5, así como realizar novas sondaxes para afondar no paquete estratigráfico e localizar posibles restos arqueolóxicos e paleontolóxicos aínda sen documentar. Ademais, estanse levando a cabo tarefas topográficas e de rexistro fotogramétrico tanto na propia cova como na próxima Gruta dos Blocos.

Cova Eirós está considerada un enclave excepcional para o estudo da prehistoria galega, xa que conserva as únicas mostras de arte paleolítica descubertas ata o momento na comunidade. As investigacións realizadas desde 2008 permitiron documentar unha complexa secuencia de ocupación humana que abrangue desde o Paleolítico Medio ata épocas medievais.

Entre os achados máis destacados figuran abundantes restos de fauna, materiais arqueolóxicos e evidencias atribuídas aos neandertais, incluíndo dous fogares prehistóricos, un descubrimento pouco habitual en ocupacións tan antigas.

Na campaña participan máis dunha vintena de investigadores procedentes de universidades e centros de investigación de distintos puntos do Estado, entre eles a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Oviedo, a Universidade Rovira i Virgili de Tarragona e a Universidade Complutense de Madrid.

Os traballos forman parte dun proxecto de investigación apoiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mediante un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, que tamén inclúe actuacións noutros xacementos da Serra da Enciña da Lastra, en Ourense. O proxecto incorpora ademais actividades divulgativas dirixidas á veciñanza para achegar os resultados das investigacións ao público.

0.11286091804504